Publicacións

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Imaxe
Poñerse diante do teclado do ordenador para escribir algo que non queriamos facer, xusto hoxe, íase demorando instante tras instante, co morder das unllas, o trabar dos dentes e unha barra espaciadora que só escribía silencios en liña. É abondo complicado poñer o fecho a un proxecto que, agora mesmo, lanzamos hai 10 meses. O 7 de xullo de 2020 abríase a porta deste forno de ideas, aínda que tres meses antes -e a lume maino, coas mans do país entregando esforzo- xa se estivera a quecer o fogar.  O día 9 faciamos un chamamento público a participar neste proxecto, no gustamos de recibir centos de colaboracións (hoxe suman 263) elaboradas por ducias e ducias de particulares (sociedade consciente, civil e activa), artistas plásticos e persoas do mundo da escrita. Polo que nese xullo, incluso antes de conmemorar o centario do nacemento de Isaac, saía a nosa primeira fornada, dende un blogue sinxelo, que ao longo de máis de corenta semanas espallou afectos, ideas fugantes e pezas marabill...

Soledad Pite e unha alborada para Isaac

Imaxe
Alborada (obra plástica e poética de Soledad Pite) Polas puntas dos dedos agarra Isaac un mantel, coma se for un mapamundi de continentes e contidos. Esténdeo para que todas as persoas o vexamos, amosando as xeografías xeométricas da cerámica e os pigmentos -todos- cos que pintou o caolín e os soños. E nese pano de vitorias voan as andoriñas e as mans creativas tamén de Soledad Pite, a súa autora, nunha acuarela fantástica que recolle os atlánticos días dunha biografía intensa. Porque a artisa, fabulosa onde as haxa, apaña e acompaña a infancia de Isaac, os tempos mozos con Mimina, os anos de adulto e sabio curioso, e esa intelixencia que perdura cando o camiño se estreita cara a vellez.  Un mar de acuarela énchenos os ollos de bágoas, co salitre brillando nas praias do recordo... E veñen a nós en mareiras e ciclóns pois esta é a última manda que publicamos de todas aquelas que zarparon dende portos dos cinco continentes (Europa, América, África, Oceanía e Asia) pero que tamén part...

Manuel Blanco Barreiro e Isaac Díaz Pardo

Imaxe
Isaac Díaz Pardo (peza en pirogravado de Manuel Blanco Barreiro) Nado en Compostela, Manuel Blanco Barreiro é un artista plástico que hai tempo asinaba as súas obras co pseudónimo Toxo para, a partir de 2008, trocalo polo de Ulex. Xa de mozo resulta varias veces finalista no Certame Galego de Artes Plásticas.  Isaac Díaz Pardo   (peza en pirogravado de Manuel Blanco Barreiro) A nivel colectivo, expuxo na Facultade de Filosofía da USC, no Concello de Cambre e na Casa da Xuventude de Carballo; mais a nivel individual as súas pezas penduraron en varios locais da Coruña, Compostela e incluso no Hostal dos Reis Católicos. A que nos trae Manuel Blanco é unha obra que, polo seu estilo, resulta novidosa dentro do proxecto d' Unha manda de pezas para Isaac . A base de calor vai queimando a madeira, que colle tonalidades torradas e marróns, que recordan o recendo da terra. E en base a liñas e superficies, o artista consegue grafar a imaxe de Díaz Pardo en pirogravado. O redor da siluet...

Zeltia ao Aire entrega un amuleto para Isaac

Imaxe
Cornaberto (peza de Zeltia ao Aire) Para a Zeltia ao Aire, Isaac é " un dos referentes máis importantes de Galicia e fascíname esa maneira de debuxar e pintar, como con tan poucas cores e aproveitando o branco das pezas consegue amosarnos cousas tan nosas. É dicir, como con algo tan sinxelo é capaz de mostrar e expresar tanto, xa que son pezas que asemellan ter vida ". Esta autora dedícase á xoiaría téxtil coa técnica do bordado ao aire, das que xorden esas pezas sublimes -como as pasamanerías- aplicábeis aos traxes tradicionais galegos. A obra que nos trae encádrase xustamente niso, na xoiaría téxtil: bordado ao aire e pintura, fundamentalmente, unidas por un substrato creativo de Isaac e unha concepción contemporánea de Zeltia.  Cornaberto  (peza de Zeltia ao Aire) Vese que, coma outras persas que participaron na convocatoria do Alento Esbravexo, emprega esa pintura azul tan característica de Sargadelos, mentres que a acompaña con fíos doutras cores que enfatizan a liña do ...

Ideia Gráfica, Isaac e as persoas docentes que nos preceden

Imaxe
Deseño de Ideia Gráfica Polas redes sociais localizamos unha persoa que elabora un traballo que ben se adapta ao noso obxectivo de homenaxear, durante centos de días, a Isaac Díaz Pardo. O seu nome comercial é Ideia Gráfica ( ideia.gal ) e poñendonos en contacto con ela sinalounos o seguinte sobre "O Señor de Sagadelos": " Coñecín por primeira vez a Isaac a traés dos desenhos de 'Memorias dun neno labrego', depois descubrín pouco a pouco o seu trabalho asombrándome máis e máis com a súa capacidade para elaborar um discurso gráfico proprio, variado nos seus soportes e tam representativo da Galiza. Em cada obra del ha algo de cada artista galego/a que o precedeu e creio  que ha algo del em cada um que o seguiu, um ejemplo, um mestre ". Produtos de Ideia Gráfica Coincidimos plenamente na afirmación de que en todas aquelas persoas que o seguiron -dun ou doutro xeito- habita Isaac, así como nel residiron autores e autoras doutro tempo (lembramos a Castelao, a Lo...

Antonio González Millán, Isaac Díaz Pardo e Valle-Inclán

Imaxe
E a de hoxe é a quenda de Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán e unha das persoas máis inquedas na defensa do patrimonio histórico, cultural e artístico desa zona do Mar da Arousa. Unha enorme regalía é a manda que nos trae pois, alén de elaborala a xeito de reflexións e anécdotas vivenciais e persoais de Antonio con Isaac Díaz Pardo, non deixa de ser un ensaio imprescidíbel para este noso proxecto e, en xeral, para todo o público. A rigorosidade amósase no xeito documental que trae canda si, pero tamén nese arquivo neuronal que na cabeza de Antonio todo se rexistra. Diremos del que ademais de ser licenciado pola USC e especializado en Museoloxía e Historia da Arte, é escritor e descubridor de bens de interese patromonial por diversas xeografías galegas. Velaí está unha restra de achados: o marabilloso sartego paleocristián de Portosín, a escultura do neno cantor do coro do Mestre Mateo (Nemenzo) o menhir do monte dos Corvos (Bretal - Ribeira), "este en paradoir...

Rosa de Soutelo, Isaac e unha saia de Cecilia para Icía

Imaxe
Unha para saia para Icia (Deseño de Rosa de Soutelo) Dende a sombra deitada polo monte Xesteiras (Cuntis) chega -movida polo aire- unha saia para Icía. Esta foi confeccionada por Rosa de Soutelo, muller que tanto lle dá aos eidos como realiza labores domésticos, deseña un patrón como cose unha saia non para Carolina, senón para a súa filla Icía (malia haber quen ousa en castelanizarlle o nome polo de Cecilia).  Rosa gusta do anonimato, pero as súas pezas de fío e agulla son dignas de asombro e poderían servir perfectamente para unha gala -a entrega dos Mestre Mateo-, como para pasear polas rúas de Compostela ou á beira do mar. Velaí a versatilidade do deseño que hoxe se nos ofrece.  Rosa ten impartido numerosos obradoiros téxtiles e, incluso, de cando en vez aposta por narrar o que fai, de deixar recollidas todas as súas obras en apuntamentos marabillosos.  Admirade, coma nós, a súa saia, que elabora en base aos debuxos de Isaac Díaz Pardo ( 20 desnudos de Cecilia la acr...

Pepe Carreiro, Isaac Díaz Pardo e cara a onde imos...

Imaxe
Estampa de Pepe Carreiro Para moitos e moitas de nós Pepe Carreiro é unha referencia no eido da ilustración en Galiza. Ninguén coma el soubo entregarlle ás crianzas unha literatura que amosou (e amosa) o país dende distintas visións: a historia, a lingua, o respecto ao medio ambiente, a antropoloxía, os costumes, o urbanismo... Porque Os Bolechas , sen dúbida, marcaron a milleiros de cativas e cativos galegos (e incluso a persoas adultas coma nós). Se gustamos de analizar con certo detalle este proxecto nado hai uns 21 anos, coidamos que máis de 150 títulos saíron nesta colección, ademais de vertérense dende o galego a idiomas como o éuscaro, o castelán, o asturiano e o portugués. Alén diso, que para nada é pouco (senón un mundo), leva a parte gráfica de Edicións Laiovento, unha das editoras que ten lanzado obras interesantísimas e necesarias no eido -sobre todo- do ensaio, e incluso da tradución de obras do pensamento universal.  Fundador da revista satírica XO! e da de humor tit...

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Imaxe
Véxote... (peza de Ana de Vilatuxe) Das terras de Lalín vén a manda de hoxe, unha manda elaborada por unha das compoñentes do Alento Esbravexo, de aí que o que se poida dicir dela sempre vai saber a pouco. Chámase Ana Iglesias Otero, mais para todo o mundo é Ana de Vilatuxe: nas súas costas gusta de levar o estandarte das orixes e da palabra versificada en celeste. Véxote...   (peza de Ana de Vilatuxe) Ana é unha persoa arteira e artista, pois tanto lle dá á costura coma á creatividade téxtil, tanto lle dá á recompilación de expresións tipicamente galegas como a redactar textos marabillosos coma este que acompaña á súa obra. Digamos que entre outras afeccións está a de ser "coleccionista de palabras". Día tras día, e coma unha verdadeira Penélope, ía tecendo ideas para homenaxear a Isaac. Logo volvía destecelas e de novo ganduxaba outra. Creaba e derrubaba as súas pezas nunha catarse creativa, cíclica, en ziczac, como cando se pican as lapelas das chaquetas de bo xenero ou d...

José Luís Rial Varela, Isaac e os refugallos

Imaxe
Obra de José Luís Rial Varela Temos visto ao longo deste proxecto -e que está a piques de rematar- unha restra de persoas que reutilizan diversos materiais para convertelos en pezas artísticas, ou que aproveitan louza e figuras de Sargadelos para, con respecto, darlles unha outra vida. Así xorden novos elementos artísticos e incluso xoias da man destes "rescatadores", teimudos á hora de tratar como se merecen as pezas orixinarias e asignarlles unha nova vida. Obra de José Luís Rial Varela Aínda que non emprega tales materiais, José Luís Rial Varela, compostelán de nacenza (concretamente do lugar de Figueiras) é un mecánico automobilista de profesión que en tempos de lecer compón pezas dignas de aplauso. Así, de todo iso que é considerado lixo, tantas veces mesturado en aceites, lubricantes, po e con recendos que excitan a pituitaria, Rial crea beleza. Con aceiro, latón e restos varios, así como co que parece un engrane, foi quen de erguer unha árbore en cuxas pólas repousan d...

Manuel Ayaso, Díaz Pardo e a cerámica

Imaxe
Convidamos hoxe á mesa redonda das amizades de Isaac Díaz Pardo a Manuel Ayaso Dios, un artista do Barbanza formado en Estados Unidos. Segundo a información que nos facilita Eme Cartea, " dende a escola pública de Aguiño pasa a estudar na Lafayette Street School en Newark (New Jersey), na Arts High School de Newark e logo en The New Jersey School of Fine and Industrial Arts, tamén en Newark. Posúe diversas distincións, como a Comfort Tiffany Foundation Grant , a Childe Hassam Award , a Paleta de Plata de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e o Premio Barbantia da Cultura Galega ... ". Non hai moito puidemos visitar a súa última mostra exposta no Museo do Gravado de Artes (Ribeira), onde máis de 150 estampas ilustran a Metamorfose de Kafka. Alí certificamos as súas impresionantes figuras -tantas veces de liñas "goyescas"-, ás veces obsesivamente dispostas unhas ao carón das outras, o que nos fai lembrar a Picasso ou incluso ao Bosco, nunha combinación e...

Paola García Paz, Isaac Díaz Pardo e o verán de 1985

Imaxe
Peza cerámica de Paola García Paz Paola García Paz convídanos hoxe a contemplar unha súa escultura que serve para facer memoria de Isaac Díaz Pardo. A autora é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e coautora con Eme Cartea de Poemas equinos (2018). Numerosas son as exposición colectivas nas que ten participado así como aquelas que monta de xeito individual, polo que as súas pezas son contempladas en Boiro, Compostela, Lousame, Ribeira, Rianxo, Madrid, Salamanca... Lembra Eme Cartea que participa no verán de 1985 na XIV Experiencia Tecnolóxica e Escola Libre organizada polo Laboratorio de Formas (Sargadelos). Nese paraíso para a investigación cerámica (e plástica en xeral) coincide con artistas de diversos puntos do mundo, e dende alí realizan excursións, evidentemente traballos cerámicos, imparte e escoitan conferencias etc. Nunha ocasión foron visitala o seu pai e a súa nai, e lembremos que el era un grande amigo de Isaac Díaz Pardo, como o foi de tantos...

Víctor Rivas e un retrato para Isaac

Imaxe
Isaac Díaz Pardo (por Víctor Rivas) Víctor Rivas é un dos ilustradores galegos máis recoñecidos no panorama internacional, con imaxes que oscilan dende a sinxeleza e o traballo das superficies até a lámina ateigada de miles de detalles e con certas pinceladas fantasiosas, onde combina a vitalidade de personaxes con caveiras e seres deste mundo. O alén e o aquén reúnense nunha lámina de celulosa con marco neobarroco. Así e todo, crea iconas vinculadas coa nación galega, actualizándoas e, ademais, facéndoas atractivas para públicos ben diversos. Curiosamente das caveiras e dos esqueletos consegue tenrura, con independencia de certa intriga... pois con fascinación -e outros ollos- fainos contemplar eses seres que engarzan coa nosa tradición, coa mitoloxía e co culto á morte (tan enraizado en pobos como o noso). Animados polas ánimas e as láminas, mastigamos palabras e imaxes de xeito voraz.  Isaac Díaz Pardo  (debuxo de Víctor Rivas) As estampas, nesta liña, semellan vitorianas ...

Pezas para a lembranza de Isaac elaboradas por Domingo Regueira

Imaxe
Detalle de Arte Pandémica (obra de Domingo Regueira) Domingo Regueira publica hoxe a súa colaboración nesta espazo d'Unha manda de pezas para Isaac. Aínda que moitas persoas do Alento admiramos gran parte da súa obra, varios en particular somos fanáticos dos seus "Borranchos", pezas cargadas de movemento e personalidade.  Arte Pandémica (obra de Domingo Regueira) Mais, como está a ser un costume nesta etapa do proxecto que estamos a desenvolver, cedémoslle a palabra e a letra a un verdadeiro embaixador da cultura do Barbanza, estámonos a referir a Manuel Cartea. Velaquí os atinados apuntamentos biográficos que entrega sobre Domingo Regueira. "Domingo Regueira, natural de Palmeira. Estuda bacharelato e Arte na Escola de Artes Aplicadas da Coruña. Exerce como decorador e deseñador e, máis tarde, como profesor no colexio Hijas de Cristo Rey , de Oleiros. Logo, como autónomo, monta en Ribeira Esdudio20 : rotulación, deseño gráfico, serigrafía etc. Pero a pintura e o d...

Pepa Dios, A Arousa e Isaac Díaz Pardo

Imaxe
  Bandoleira de Pepa Dios "Son Pepa Dios, nada na Illa da Arousa, onde actualmente resido", achega a autora da manda de hoxe. E boa sorte é ser nada no paraíso e nadar dentro del. Boa fortuna resulta residir ao pé do Atlántico onde toda a luz se converte en estímulo e o mar en acuarela.  "Dende que deixín a escola dedícome á costura, o meu medio de vida. No meu tempo libre boto man da lectura". Amais diso elabora obras fabulosas, a maior parte vinculadas ao mundo téxtil, por iso a autora desta manda sinala o seguinte: "desenvólvome entre fíos e farrapos", ao que se lle debería engadir "como peixe na auga". Pepa Dios entrega unha bandoleira, riscada por cores brillantes, con moita luz, e cuxo pecho é unha peza de Sargadelos. Esa doa cerámica serve de botón ou, como dicían as nosas avoas, de forma... Pois botarlle as formas a unha camisa non era outra cousa que "pegarlle os botóns". A orixe da palabra quizais puidese vir do seu aspecto, p...