Víctor Rivas e un retrato para Isaac

Isaac Díaz Pardo (por Víctor Rivas)

Víctor Rivas é un dos ilustradores galegos máis recoñecidos no panorama internacional, con imaxes que oscilan dende a sinxeleza e o traballo das superficies até a lámina ateigada de miles de detalles e con certas pinceladas fantasiosas, onde combina a vitalidade de personaxes con caveiras e seres deste mundo. O alén e o aquén reúnense nunha lámina de celulosa con marco neobarroco. Así e todo, crea iconas vinculadas coa nación galega, actualizándoas e, ademais, facéndoas atractivas para públicos ben diversos.

Curiosamente das caveiras e dos esqueletos consegue tenrura, con independencia de certa intriga... pois con fascinación -e outros ollos- fainos contemplar eses seres que engarzan coa nosa tradición, coa mitoloxía e co culto á morte (tan enraizado en pobos como o noso). Animados polas ánimas e as láminas, mastigamos palabras e imaxes de xeito voraz. 

Isaac Díaz Pardo 
(debuxo de Víctor Rivas)
As estampas, nesta liña, semellan vitorianas ou, mellor dito, decimonónicas, con certas influencias estadounidenses... Á nosa mente chegan "fotogramas" de The nightmare before Christmas (O pesadelo antes do Nadal) de Henry Selick, pois nesa liña circula a creatividade de Rivas.

Nunca ninguén mellor o definiu como Enrique Carlos, pois para este debuxante "Víctor Rivas debuxa de medo", aínda que nós tamén engadiriamos que incluso "debuxa o medo dende a tenrura e a cotiandade". O propio Enrique Carlos tamén sinala que "Víctor Rivas debuxa que dá medo a calquera, aos lectores dos seus libros infantís cando pretende asustalos (que é un medo que divirte), e aos ilustradores coma min (porque nos dá pánico ver a calidade que ten, e a envexa horrorosa que nos dá)".

Quen non queda abraiado coas ilustracións que realiza para Escarlatina, a cociñeira defunta, obra de Ledicia Costas; ou a Vampira de biblioteca, da mesma autora? Algúns que xa peiteamos cabelos ruzos lembrámolo en Golfiño, revista infantil e xuvenil galega dirixida por Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire, onde colaboraron Isabel Briones, Paula Gómez, Carmela González Pintos, Xaquín Marín, Miguelanxo Prado e Kiko da Silva, entre outras persoas do mundo das artes.

Profesional da ilustración, Víctor é sen dúbida un gran comunicador visual que, ademais de dar luz iconográfica a moitas obras de autoras e autores galegos, tamén se mergulla de vez na banda deseñada. 

Resulta unha honra para o Alento Esbravexo podermos contar tamén con el para lembrar a un xigante da Galiza. Velaquí queda unha caricatura entrañábel e fabulosa de Isaac Díaz Pardo. Beizóns.

Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños