HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO (22 de agosto de 2020)
A mediados do mes de xuño, un grupo de persoas (Pilar Sampedro, David Otero, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Maka Arca e Ana de Vilatuxe) decidimos levar adiante unha iniciativa que recollese a participación da sociedade civil para homenaxear a este home infinito , o home máis querido de Galicia , en palabras de Manolo Rivas. Desde o primeiro momento proxectabamos unha homenaxe que consistiría, en principio, nunha exposición virtual aberta, na que puidesen participar xente do común e artistas recoñecidos de dentro e fóra de Galicia, con “mandas” de distintas temáticas, diferentes expresións artísticas, idades, procedencias... O 8 de xullo inaugúrase o blogue ( https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/ ) informando da proposta do colectivo Alento esbravexo e detallando as bases do proxecto. A partir dese momento, o noso soño convértese en realidade: até nós van chegando pezas e máis pezas até arredor de 250: poesía, lembranzas, artigos xornalísticos, ensaios, ...