HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO (22 de agosto de 2020)

A mediados do mes de xuño, un grupo de persoas (Pilar Sampedro, David Otero, Héitor Picallo, Martiño Picallo, Maka Arca e Ana de Vilatuxe) decidimos levar adiante unha iniciativa que recollese a participación da sociedade civil para homenaxear a este home infinito, o home máis querido de Galicia, en palabras de Manolo Rivas.

Desde o primeiro momento proxectabamos unha homenaxe que consistiría, en principio, nunha exposición virtual aberta, na que puidesen participar xente do común e artistas recoñecidos de dentro e fóra de Galicia, con “mandas” de distintas temáticas, diferentes expresións artísticas, idades, procedencias... 

O 8 de xullo inaugúrase o blogue  (https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/) informando da proposta do colectivo Alento esbravexo e detallando as bases do proxecto.

A partir dese momento, o noso soño convértese en realidade: até nós van chegando pezas e máis pezas até arredor de 250: poesía, lembranzas, artigos xornalísticos, ensaios, vídeos, vídeo-poemas, cerámica, pintura, escultura, gravado, música, arte mural, pezas artesanais téxtiles, ourivaría etc.

E a homenaxe acada unha resonancia internacional cando nos chegan mandas do Xapón, Australia, Nova Zelandia, Cuba, Polonia, Bélxica, Francia… que se suman á iniciativa de honrar a Isaac nunha data tan memorábel.

Desde o 14 de xullo, cada día, vaise pendurando “unha peza” no blogue, seguindo determinados criterios: alternancia muller / home, individual / grupo, diferentes expresión artísticas (poesía / pintura / cerámica / fotografía…).

Dado o aluvión de mandas recibidas, estas, no sucesivo, iranse publicando día tras día. Desta maneira, a homenaxe terá continuidade ao longo do ano 2020 até pendurar a última das obrasMentres facemos pública a listaxe de participantes para confirmar a chegada de todas as composicións, pedimos desculpas polos erros ou omisións involuntarios que puidésemos cometer e que só teñen unha causa: moito traballo e poucas mans. 

Facendo balanzo do número de participantes e da calidade dos traballos recibidos queda patente que aquén e alén do noso país contamos con moitas persoas artistas, coñecidas e na sombra, con auténtico (T)alento esbravexo.

Emporiso gustamos de afirmar que hai un país das marabillas que, de cando en cando, se amosa, como nesta ocasión, con toda a xenerosidade de quen dá sen agardar nada. Un país que nos enriquece, habitado por xente como Díaz Pardo.

Estamos seguros de que Isaac sentiríase profundamente emocionado e agradecido por tantas mostras de recoñecemento e afecto. Un desagravio, a modo de xustiza poética, ante a iniquidade que sufriu nos seus últimos anos.

Consideramos que é o noso deber perpetuar a memoria deste home excepcional e irrepetíbel. Como rezan os versos de Claudio Rodríguez Fer:

Porque se algo é mentira,
compañeiros,
é que morreu Isaac.

Preme
na imaxe para
consultares a listaxe

Un dos últimos fotogramas da documental titulado ISAAC 
Dirección: Xosé Abad

 

 

Comentarios

  1. Moitas grazas, pola iniciativa e poñela en valor. Certamente o menos certo, é, que Isáac morreu!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños