Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas
![]() |
Laboratorio de Formas (Xoán Manuel Andrade) |
As súas publicacións téñense visto nun bo número de xornais e semanarios, como aquela emblemática A Nosa Terra. Porén, na actualidade o seu humor gráfico tamén se ten lanzado dende cabeceiras como Sermos Galiza, Nós Diario e La Región, sen excluír a CIG-Ensino. Amais diso, algúns materiais de tipo pedagóxico e educativo vén a luz en varios medios. Este é, a grandes trazos, o quefacer habitual de Xoán Manuel Andrade Vidal, pero este labor artístico no exclúe a súa profesión docente e que se mergulle de cando en vez na investigación rigorosa. Queremos lembrar, entre outros estudos, aquel no que aborda a historia do coñecido Globo de Bentanzos dende a perspectiva do humor gráfico (publicado no Anuario Brigantino).
E aínda que ilustrou algún deses globos de papel, tamén quere entregarnos o seu tributo-homenaxe a Isaac Díaz Pardo. Comenta Xoán Andrade que a caricatura que nos presenta comezouna cun bocexo en papel e que, logo de tela aceptado como válida, remátaa e dálle cor empregando certo programa de deseño gráfico dixital. Baixo o título Laboratorio de Formas, o autor achega un breve comentario:
"Creo que a obra xunto co texto explícanse por si mesmos, pois un dos mellores xeitos de ter presente a don Isaac é reelaborarmos os seus trazos físicos nunha caricatura construída aproveitando gráficos e formas da céramica de Sargadelos".
Realmente trátase dunha icona máis ca interesante, pois sen dúbida amosa unha faciana amábel e obxectiva do que significa Isaac Díaz Pardo. Pero gustaríanos sinalar que desta volta aparece un xiro ben curioso: un artista -Andrade- retrata a outro artista -Isaac- para facelo arte cos mesmos produtos que este xerou ao longo da súa vida (hoxe estética e plástica totalmente identificábeis). Lonxe do significado tráxico que trae consigo O retrato de Dorian Gray (obra de Oscar Wilde), si existe certa chiscadela ao confundir o autor coa obra e a obra co autor. Mais por outra banda distánciase dese autonamoramento Wilde-Cadro, ou da lenda clásica na que Narciso se apaixona do seu propio reflexo no río. Quizais conecta con máis acerto no feito de ser autor e obra a mesma cousa, o mesmo ente... cohabitan no mesmo ser (o cadro dentro do cadro), como acontece coas Meninas (1656) de Velázquez ou coa Clarividencia (1936) de René Magritte.
Así as cousas, o diálogo -e incluso a identidade- entre Isaac e a súa obra contémplase ao empregar as xeometrías de Sargadelos (como indica Andrade), as cores, as liñas e o fondo porcelana: azul cobalto e branco caolín. Sen dúbida un verdadeiro Laboratorio de Formas.
Beizón e moita arte!
![]() |
Laboratorio de Formas (Xoán Manuel Andrade) |
Comentarios
Publicar un comentario