Por ti, Isaac, volveriámolo facer!


Poñerse diante do teclado do ordenador para escribir algo que non queriamos facer, xusto hoxe, íase demorando instante tras instante, co morder das unllas, o trabar dos dentes e unha barra espaciadora que só escribía silencios en liña. É abondo complicado poñer o fecho a un proxecto que, agora mesmo, lanzamos hai 10 meses. O 7 de xullo de 2020 abríase a porta deste forno de ideas, aínda que tres meses antes -e a lume maino, coas mans do país entregando esforzo- xa se estivera a quecer o fogar. 

O día 9 faciamos un chamamento público a participar neste proxecto, no gustamos de recibir centos de colaboracións (hoxe suman 263) elaboradas por ducias e ducias de particulares (sociedade consciente, civil e activa), artistas plásticos e persoas do mundo da escrita. Polo que nese xullo, incluso antes de conmemorar o centario do nacemento de Isaac, saía a nosa primeira fornada, dende un blogue sinxelo, que ao longo de máis de corenta semanas espallou afectos, ideas fugantes e pezas marabillosas chegadas dende diversos recunchos de Galiza e dende diversos acubillos do mundo. Todo para honrar a Isaac Díaz Pardo, todo para conmemorar o centenario dun galego único que se entregou -en corpo e alma- ao seu país: Galiza. 

E dende ese forno, aireado co Alento Esbravexo dun grupo que tamén nacía (con Pilar Sampedro, Maka Arca, Ana Iglesias "de Vilatuxe", David Otero, Eva Liñeira amais de Martiño e Héitor Picallo), sóubose do amor de moitas persoas ao homenaxeado. As mandas -tributos, aloumiños, ofrendas e agasallos para el- ocuparon grandes instantes de ledicia e certificamos, cada día, a enorme creatividade de centos de galegas e galegos.

Dese noso forno comunitario, que no imaxinario asentamos pedra a pedra -coa suor do canteiro- xusto ao pé das Mariñas, tal casiña branca de caolín, resoa a voz de Faustino Santalices, con ese alalá que sabe a gloria e só de pensalo entra un calafrío. Porque quizais Isaac segue aí, entre os loureiros, coma os grandes triunfadores dende a humildade, a loita e o esforzo. Porque a del non é unha biografía dun deus morto ou dun heroe derrotado... El segue vivo! E sen dúbida "é a persoa máis querida de Galicia". Velaí quedan as mandas (sen mandos), os presentes (con proxección de futuro), a memoria (dende a irmandade) e o amor.

Mil grazas a todas e todos! 

Saúde e Terra!


E por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Comentarios

  1. Uns ollos que se pechan para descansar do esforzo. Un petador para espertarnos, de ser necesario, pero tamén para espertar conciencias, para chamar nas portas de cada galego/a porque xa son horas de profundar no noso.
    Grazas mil!

    ResponderEliminar
  2. Mais ben penso q todo o voso grande traballo non remata...serà a bon seguro unha pausa posto q ISAAC seguirà sempre con todxs nós...Saúdos e Saúde...

    ResponderEliminar
  3. Grazas, ALENTO ESBRAVEXO unha iniciativa marabillosa!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

BASES DETALLADAS

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

QUEN SOMOS ALENTO ESBRAVEXO E QUE BUSCAMOS