Zeltia ao Aire entrega un amuleto para Isaac

Cornaberto (peza de Zeltia ao Aire)

Para a Zeltia ao Aire, Isaac é "un dos referentes máis importantes de Galicia e fascíname esa maneira de debuxar e pintar, como con tan poucas cores e aproveitando o branco das pezas consegue amosarnos cousas tan nosas. É dicir, como con algo tan sinxelo é capaz de mostrar e expresar tanto, xa que son pezas que asemellan ter vida".


Esta autora dedícase á xoiaría téxtil coa técnica do bordado ao aire, das que xorden esas pezas sublimes -como as pasamanerías- aplicábeis aos traxes tradicionais galegos. A obra que nos trae encádrase xustamente niso, na xoiaría téxtil: bordado ao aire e pintura, fundamentalmente, unidas por un substrato creativo de Isaac e unha concepción contemporánea de Zeltia. 

Cornaberto (peza de Zeltia ao Aire)
Vese que, coma outras persas que participaron na convocatoria do Alento Esbravexo, emprega esa pintura azul tan característica de Sargadelos, mentres que a acompaña con fíos doutras cores que enfatizan a liña do debuxo ou as superficies secundarias. 

Comenta Zeltia que, na orixe, a idea de bordar algo de Sargadelos parecía sinxela "pero a medida que ía traballando xurdían detalles que non tivera en conta (...). Decanteime por facer un amuleto porque é das cousas que máis recordo de cando era pequena, xa que me chamaban moito a atención esas formas e cores. Co tempo fun aprendendo que tiñan un significado e unha función. Xa se sabe que habelas hainas!".

Ao final Zeltia bordou un amuleto para protexer a Isaac, concretamente un Cornaberto, que se emprega contra aquelas persoas que nos queren facer dano. Porén, a peza tamén resulta ser unha alfaia que axuda a comprobar a influencia das obras de Isaac en todas e todos nós... Quizabes a infancia tamén se le nesas cores e nas liñas das mans... As ideas tamén xorden do cobalto... Talvez os ideais se transmiten até Nós dende a sinapse neuronal dun xenio aínda esperto. 



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos