Pepe Carreiro, Isaac Díaz Pardo e cara a onde imos...
Estampa de Pepe Carreiro |
Para moitos e moitas de nós Pepe Carreiro é unha referencia no eido da ilustración en Galiza. Ninguén coma el soubo entregarlle ás crianzas unha literatura que amosou (e amosa) o país dende distintas visións: a historia, a lingua, o respecto ao medio ambiente, a antropoloxía, os costumes, o urbanismo... Porque Os Bolechas, sen dúbida, marcaron a milleiros de cativas e cativos galegos (e incluso a persoas adultas coma nós). Se gustamos de analizar con certo detalle este proxecto nado hai uns 21 anos, coidamos que máis de 150 títulos saíron nesta colección, ademais de vertérense dende o galego a idiomas como o éuscaro, o castelán, o asturiano e o portugués.
Alén diso, que para nada é pouco (senón un mundo), leva a parte gráfica de Edicións Laiovento, unha das editoras que ten lanzado obras interesantísimas e necesarias no eido -sobre todo- do ensaio, e incluso da tradución de obras do pensamento universal.
Fundador da revista satírica XO! e da de humor titulada Can sen Dono (1983-1991), como humorista gráfico Carreiro lanzou e lanza viñetas en El Pueblo Gallego, Diario de Galicia, Faro de Vigo, A Peneira, El Correo Gallego, A Nosa Terra, A Trabe de Ouro, TVG... En resumo, en non menos de dúas ducias de medios. Se recompilamos a produción cultural que lle é propia esta vese inabarcábel, pois son moitos anos os que ten dedicados á dignificación cultural deste pais dende a actividade gráfica.
Beizóns por tanto esforzo, coherencia e sensibilidad!
Publicacións de Pepe Carreiro saen dos tórculos d'A Nosa Terra, Xerais, Galaxia, Sotelo Blanco, Laiovento, Ir Indo, Fervenza, Rodeira, Toxosoutos, EDB... Macmillan e Pearson Education (ambas de Reino Unido).
Hoxe, dende o Alento Esbravexo, gabámonos de entregar unha estampa deste autor creada ex professo para honrar o legado de Díaz Pardo. Cadaquén que tire as conclusións oportunas: a mensaxe vese moi clariña. Non fai falla máis ca analizar, reflexionar e, se somos quen de lle botar peito á vida, actuar en consecuencia!
Comentarios
Publicar un comentario