Paola García Paz, Isaac Díaz Pardo e o verán de 1985
Peza cerámica de Paola García Paz |
Paola García Paz convídanos hoxe a contemplar unha súa escultura que serve para facer memoria de Isaac Díaz Pardo. A autora é licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e coautora con Eme Cartea de Poemas equinos (2018).
Numerosas son as exposición colectivas nas que ten participado así como aquelas que monta de xeito individual, polo que as súas pezas son contempladas en Boiro, Compostela, Lousame, Ribeira, Rianxo, Madrid, Salamanca...
Lembra Eme Cartea que participa no verán de 1985 na XIV Experiencia Tecnolóxica e Escola Libre organizada polo Laboratorio de Formas (Sargadelos). Nese paraíso para a investigación cerámica (e plástica en xeral) coincide con artistas de diversos puntos do mundo, e dende alí realizan excursións, evidentemente traballos cerámicos, imparte e escoitan conferencias etc. Nunha ocasión foron visitala o seu pai e a súa nai, e lembremos que el era un grande amigo de Isaac Díaz Pardo, como o foi de tantos e tantos galeguistas, republicanos e demócratas -en resumo- algúns deles paseados, fusilados... durante a barbarie fascista. Vén á nosa mente a imaxe do seu amigo e parente Xohán Xesús González, nado na parroquia cuntense de Cequiril, terra da que tamén era oriúndo o propio "Borobó", Raimundo García Domínguez.
Carlota Paz Barreiro e Borobó -pais de Paola-, Isaac e a propia alumna xantan xuntos na casa do gran mecenas de Galiza. Quen non o pode considerar tal!? Quen non é capaz de observa a bonhomía, o altruísmo e a xenerosidade de Isaac Díaz Pardo!?
Paola agasállanos cunha peza vidrada en cerámica de gres que, en contexto con aquela experiencia estival, titula Para Isaac, daquel verán do 85 en Cervo. Conta cunhas dimensións de 25 por 8 e por 15 centímetros, e realmente é unha regalía para os ollos.
(Agradecemos a colaboración desinteresada de Eme Cartea)
Comentarios
Publicar un comentario