Antonio González Millán, Isaac Díaz Pardo e Valle-Inclán


E a de hoxe é a quenda de Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán e unha das persoas máis inquedas na defensa do patrimonio histórico, cultural e artístico desa zona do Mar da Arousa. Unha enorme regalía é a manda que nos trae pois, alén de elaborala a xeito de reflexións e anécdotas vivenciais e persoais de Antonio con Isaac Díaz Pardo, non deixa de ser un ensaio imprescidíbel para este noso proxecto e, en xeral, para todo o público.

A rigorosidade amósase no xeito documental que trae canda si, pero tamén nese arquivo neuronal que na cabeza de Antonio todo se rexistra. Diremos del que ademais de ser licenciado pola USC e especializado en Museoloxía e Historia da Arte, é escritor e descubridor de bens de interese patromonial por diversas xeografías galegas. Velaí está unha restra de achados: o marabilloso sartego paleocristián de Portosín, a escultura do neno cantor do coro do Mestre Mateo (Nemenzo) o menhir do monte dos Corvos (Bretal - Ribeira), "este en paradoiro descoñecido logo de ser advertida a súa existencia ao concello de Ribeira". 

Comisario de exposicións e creador / promotor de varias rutas valleinclanianas, González Millán responsabilizouse das primeiras edicións ao noso idioma de relatos de ficción galega de Ramón del Valle-Inclán, concretamente d'O meu bisavó e A lámpada marabillosa.

Con isto chega para coñecermos o universo de Antonio González Millán, pois navegar pola súa biografía sería inabarcábel para o noso propósito. Así logo, deixamos por aquí a súa manda, a xeito de ensaio, que seguramente enfía directamente coa necesaria reflexións. 

Mil grazas por texto tan acaído e oportuno.


Isaac Díaz Pardo benfeitor do Museo Valle-Inclán


Lembranza admirativa, afectiva e agradecida será a que eu faga de Isaac Díaz Pardo, xenio e figura de nobres causas, persoeiro de humildade e de actitude colaboracionista en cantas ocasións tiven o privilexio persoal e profesional de relacionarme con el. Mirar cara a atrás naquela relación implica mirar o presente, pois as obras de quen merece o cualificativo de persoeiro da cultura feita e promovida dende Galicia fican aquí, ante os ollos atentos.

Coñecín a un primeiro Isaac entrado en anos, mais activista de ánimo, o creador de arte-factos de idea e forma magníficos, ao que as Musas inspiraban logo de ser invocadas por ese empeño e mérito de quen traballa arreo toda a súa vida, e coñecín logo a un ulterior Díaz Pardo lúcido na traxedia, ao que as Parcas teceran un mesquiño Vía Crucis de orde humano, empresarial, moral e social, pretendendo a distorsión e a desmemoria, arrecunchar e silenciar a quen era grande.

Reencontrarse coas pegadas de Isaac Díaz Pardo por Galicia supón trasladarnos tamén á Pobra do Caramiñal e ao museo Valle-Inclán, aquí activo dende 1987. Esta vila soubo do ronsel das súas milagres plásticas e do seu altruísmo en varias ocasións. En 2001, antes da rehabilitación integral da Torre de Bermúdez e de dotala dun discurso museolóxico e dunha montaxe museística conformes ao seu carácter de institución cultural, promovíamos a exhibición temporal da mostra «Díaz Pardo. Carteis», comisariada por Rosa Méndez Ponte e organizada polo servizo de extensión universitaria da UDC. Iniciativa itinerante pola provincia da Coruña dende o ano 2000, que recollía deseños relacionados co teatro, o cine, o compromiso social, a industria, a literatura, a música e as tradicións do pobo galego. Entre eles un para nós especial, o cartel anunciante de «Ligazón» e «El embrujado», títulos valleinclanianos postos sobre as táboas do Teatro Moratín de Barcelona pola «Compañía Nacional Ángel Guimera» baixo a dirección de Ricard Salvat, entre o 23 de maio e o 23 de xuño de 1972. Programa, dramaturxia, os seus protagonistas, son un referente da historias das artes escénicas en Cataluña.




Para seguir coa
lectura, preme 
na icona que 
tes á túa 
esquerda










Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!