Xulio Gil, Isaac Díaz Pardo e un díptico de imaxes
Díptico (obra de Xulio Gil) |
Nado en Ourense, licenciado en matemáticas e docente durante décadas, Xulio Gil Recibe o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas de 2013. Del, como xa ten acontecido noutras ocasións, falaranos Manuel Cartea (presidente da Asociación Cultural Barbantia), a quen agradecemos paralelamente a súa desinteresada colaboración.
Isto é o que achega de Xulio Gil.
Comeza a súa andaina como fotógrafo no ano 1976 cunha exposición na Praza da Princesa de Vigo. Dende entón ten exposto en salas e museos de toda Galicia, e mesmo en Portugal e Alemaña, nomeadamente retratos, espidos e antropoloxía.
Ten publicacións en colaboración con Xela Arias, Carlos Casares e Xosé Luís Méndez Ferrin, así como traballos moi variados para Xuntanza Editorial, Hércules Edicións, Nova Galicia Edicións, A Nosa Terra e Editorial Engaiolarte.
Xulio Gil conta unha anécdota con Isaac Díaz Pardo, que mostra a súa total sensibilidade coas modernas formas musicais.
Anécdota con Isaac: no verán de 1984 en Cervo celébranse as “Xornadas sobre tradición e modernidade” que acollen traballos dun bo elenco de intelectuais de diversos eidos, entre os que se atopa o audiovisual sobre “O entroido de Laza”, con textos de Ferrín, fotografías de Xulio, e música pop, creado no Obradoiro Galego de Audiovisuais.
Seis pantallas simultáneas presentan as trescentas imaxes e Helena de Carlos narra en off o potente texto. Chega o xantar e Isaac senta a carón de Xulio, que recorda claramente unhas ameixas con fideos no menú. Mentres falan, Xulio non pode soportar un “estrondo inhumano” que penetra polas fiestras abertas e, sen mediar palabra, vai pechalas. O anfitrión, desencaixado, corre a abrilas dicindo que o que se escoita non é ruído senón a música innovadora de Enrique Macías, que está fóra amenizando o convite. Eis un Isaac ao loro musical!
Xulio Gil achega un Díptico cunha dimensións de 110 por 75 centímetros, impreso en papel Canson Baryta Prestige sobre bastidor de Alupanel.
Díptico (obra de Xulio Gil) |
Comentarios
Publicar un comentario