Xosé Luna, Isaac, Camilo, Rosalía, Roberto... e os resplandores eternos
Dende a Estrada, Figueroa, Val de Vea... Cacheiras, Compostela e en remuíño sae o verso de Xosé Luna. E chega ao Alento Esbravexo como un aire mainiño que recorda a biografía dun mestre, creador, chamado Isaac.
Son moitas as obras de Xosé. E quizais todo puido comezar pola contorna da Torre de Guimeirei, esa que debuxa Castelao e foi quen de reproducir en prensa e en cadernos. Ao redor d'As cometas da vida viñeron outras obras que nos falaron de Marcial Valladares, de Avelina -a cantora do Ulla-, de Varela Buxán e doutras 90 Cousiñas. E entre Guimarei e Figueiroa, o escritor estradés soña con Tulipáns Vermellos, As aventuras de Odiseo e outras pezas dramáticas. Porque o Xosé -un dos creadores de Edicións Fervenza- gusta dun teatro sen máscaras, dunha narrativa fresca -de antes xusto d'O ano das mimosas-, de analizar a arte (románica e doutros estilos) e de gastar verso, sexa co Stradapop ou A Estrada da Vida... Luna Sanmartín tamén traduce o que entre as mans pode ser tesouro e edita o que consome como alimento vital: for unha Conversa entre arrieiros, os Salaios dun vello labrego ou for o que aínda está por vir.
Luna Sanmartín é dinamismo, impulso e chimpo... creatividade, palabra (e de palabra), refencia e deferencia... Pero sobre todo un Rebulir coma o sol. Velaquí vos deixamos a composición que hoxe nos trae para Isaac e que lembra a Rosalía, a Camilo e a Roberto Blanco Torres... Porque dende O último tango da noite tamén se pode facer poesía.
Comentarios
Publicar un comentario