Xosé Luís Veiras Manteiga, Isaac e o rexurdimento cerámico galego

Isaac (obra de Xosé Luís Veiras Manteiga)

Pertence ao colectivo artístico francés aaa53, pois no país galo reside dende 1974 até 2001. En Francia expón as súas obras en numerosas villes e villages bretoas de Naoned, Roazhon (en francés Nantes e Rennes, respectivamente), Château-Gontier, Saint-Barthélemy-d'Anjou, Allonnes... Entre outros recoñecementos conta con Grand Prix du Salon de Château-Gontier (1986), o Grand Prix du Salon de Ernée (1987) e o Prix du Salon Vitrée-Salon Sable (1988). Amais disto as súas obras foron penduradas en Compostela, A Coruña, Noia, Pontevedra, Vigo, Porto do Son, sen esquecernos doutras cidades peninsulares (Albacete, Plasencia, Madrid...) e de máis aló dos Pireneos: Polonia, Alemaña, Canadá e Holanda.

Caricatura de Isaac
(obra de Xosé Luís Veiras Manteiga) 
O nome deste artista, enormemente recoñecido, como se observa, é Xosé Luís Veiras Manteiga. Del poderiamos alongar o seu currículo até a síncope, mais achegaremos algúns datos  a maiores deste destacado compostelán. Cómpre sinalar que realizou cinco pinturas para igrexa de Saint-Pierre-La-Cour (1986), un mural para o Centre d'Accuei da mesma villa, numerosos traballos de ilustración para distintas obras literarias... Varias das súas pezas artísticas fican en Alemaña, Francia, España, Galiza, Holanda e Canadá.

Veiras Manteiga tamén nos facilita un par de obras para lembrar a figura de Isaac Díaz Pardo, unha delas realizada con lápices de cores e a outra elaborada con técnicas dixitais. Desta última sinala: "Esta obra dixital quere render unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, pola súa perseverancia e por ter acadado un 'emporio' artístico, cultural e editorial en Sargadelos e no Castro, ademais de conseguir o rexurdimento da cerámica galega máis aló das nosas fronteiras".

Beizóns, Xosé Luís, moita arte e que continúe o rexurdimento cerámico galego (oxalá tamén en todos os eidos das artes plásticas e da literatura)





Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos