Xosé Iglesias Lamela, o mar, Isaac e o xibarte

Balea de Xosé Iglesias Lamela (foto de Xurxo Lobato)


O poeta Xosé Iglesias Lamela conta, ademais dun Atlántico inspirador, cunha mareira de versos publicados en dous libros de poemas: Transfusión oceánica (2015) e A relixión do mar (2016). Porén, outras rimas foron saíndo en diversas obras colectivas, nalgunha das cales tamén temos coincidido varios membros do Alento Esbravexo. En resumo: compartimos palabra, mar e loitas.

A balea de Xosé Iglesias
(foto: Xurxo Lobato)
Pola Universidade Laboral da Coruña consegue o título de patrón pesqueiro e de capitán de pesca pola análoga viguesa. Digamos pois que o Atlántico -o mesmo de Manuel Antonio, María Mariño, Alenxandre Nerium, Antón Zapata, María Canosa- exhala poesía dende o argazo até os salseiros. 

Hoxe, este autor, entréganos unha manda e unhas fotografías (sacadas por Xurxo Lobato) dunha balea inspirada na vida de Isaac Díaz Pardo. O ambiente, todo el, recende a salitre, a memoria e a Xustiza, recende á suor das persoas -homes e mulleres- que loitaron e loitan por esta MA(t)R(ia) da que aínda non somos donos (máis seremos, digo eu tamén; di tamén o vate).

Velaquí a súa manda

Manda de Xosé Iglesias Lamela

Escoito as palabras do mestre Díaz Pardo falando desa Galiza cunha riqueza inmensa e que non é quen de poder gobernala, e póñome a pensar que seguimos navegando por ese rumbo a ningunha parte. (Dígoo eu que un día fun un mariñeiro libre e agora sou un escravo das leis absurdas da administración)

A ningunha patria quizais, porque dende aquela ate hoxe proseguimos sendo vasallos, xa non só da capital a nivel do estado, senón tamén de todas esas artimañas e alimañas que saben facer tan ben en Bruxelas.

Coincido plenamente con el en que non somos donos do noso. Poderíamos selo. Pero sempre aparece ese lado escuro que nos derrota e impide o avance do noso pobo até o futuro. Máis tamén sei que non me vou render até o de agora. E crear é un alimento máis e necesario. Visibilizar a través das formas e cores o universo individual de cada un. Loitar polo que levamos nas entrañas.

Prestoume moito achegarme o mundo Díaz Pardo. Esas cores simples e potentes. As formas que dalgún modo representan o noso transcurso pequeno a través da historia.

Daquela imaxinei voando ao meu arredor unha balea-nauta da súa man. Do seu amor e devoción a esta terra.

E velaí o resultado.

Balea de Xosé Iglesias Lamela (foto de Xurxo Lobato)

Unha xibarte pregoando de norte a sur, de leste a  oeste que somos unha nación. Herdamos unha cultura, un idioma, unha forma de traballar e expresarnos que é exclusivamente nosa. Defendámola, volvamos construír o camiño cara a nosa casa común.

Avante sempre!!

Xosé Iglesias Lamela, Costa da Morte, Cée, patrón de pesca, mariñeiro, poeta e creador galego.


Xibarte de Xosé Iglesias (fotografía de Xurxo Lobato)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños