Ricardo Dávila. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

A fuxida do home cara á nada (obra de Ricardo Dávila)

Hoxe, dende a Barbanza chega unha fermosa peza elaborada por Ricardo Dávila. Mais desta volta, para falar do autor e da súa obra, cedémoslle moi gustosamente a palabra a Manuel Cartea. Velaquí os seus comentarios e atinadas análises.

No Muíño Vello, entre A Pobra do Caramiñal e Palmeira, nace Ricardo Dávila. Un prolífico artista arraiano que, dende os murais de temática galeguista feitos na Coruña na década dos 60 até as escultopinturas policromadas en madeira de oliveira (ready-mades), Ricardo ten pasado por deseños abstractos ao xeito de Henry Moore, por volumes ocos alla maniera di Bárbara Hepworth, por pezas que lembran o brutalismo de Leiro ou De la Vega. Vive e traballa en Málaga pero os últimos traballos realizados na comarca do Barbanza, á parte de dúas exposicións de escultura en madeira na Raquel Fernández Soler da Pobra, son a escultura de Santa Gema para a igrexa de San Xián de Artes, o monumental “Labrego” para o Centro Recreativo de Artes, e a imaxe de Cristo resucitado, a tamaño real, para a igrexa do Caramiñal. Entusista do retrato, é quen de esbozar e modelar un rostro con precisión ou facer uso dos seus dotes pedagóxicos á hora de desvelar os segredos do barro. E sen esquecermos a escultura en pedra na que, por certo, traballa actualmente nun monumental proxecto compositivo en pedra, inspirado no gravado de Gustavo Doré, na Serranía de Ronda: “Contrabandista de Ronda con su maja”.

Ademais da poesía, unha das máis asiduas afeccións, ultimamente, é tamén a pintura. Unha pintura expresionista de corte abstracto-xeométrico expresada en vivas e contrastadas cores, que exerce con obsoluto dominio da composición e das formas: un estilo que el chama “realismo utópico”.

A fuxida do home cara á nada 
(obra de Ricardo Dávila)
Ricardo Dávila era un mozo de vintetantos anos cando, estudante na Escola de Artes Aplicadas da Coruña, coincidiu con Isaac nunha cafetería, a “Lumar” (de Luís Martínez), sito nos soportais fronte á dársena. Nesta cafetería Ricardo tiña expostos uns relevos etnográficos, en madeira, que representaban un carro, as vacas e algunhas persoas. Isaac preguntou polo autor do relevo e, ao seren presentados, loou o traballo do artista e engadiu que era un traballo feito con cariño, unha escena como vivida cun toque romántico. “Claro, é a miña vida. O carro da miña casa, o meu pai e as miñas irmás”. Falaron, tomaron algo e Isaac engadiu: “Se estás na Escola de Artes preséntate ao concurso de ideas sobre cerámica para a fábrica de Sargadelos que imos axiña inaugurar”. Ricardo quedou en que o faría pero moi pronto se foi a vivir e a traballar a Málaga, esquecendo este compromiso. Por certo, este relevo sería logo mercado pola Deputación da Coruña e, posibelmente, repouse nalgunha das súas instalacións.

Presenta hoxe aquí, como homenaxe a Isaac Díaz Pardo, esta pintura alusiva á vida do noso artista, santiagués e universal, fuxitivo e combatente de réximes despóticos que traballou arreo para mellorar as condicións de vida do seu pobo. Como empresario innovador e artista, algo posíbel. Titula este acrílico, de 95 por 70 centímetros, A fuxida do home cara á nada.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños