Manolo Mesa, a xerra de auga (xigante) e Isaac Díaz Pardo

Xerra de auga (mural de Manolo Mesa, fotografía de A.L. Crego)

Manolo Mesa nace en El Puerto de Santa María (Cádiz) no ano 1989 e, malia a súa idade, xa conta cun currículo que nos saca o impo: gozou dunha Bolsa de Estudos Erasmus na Accademia de Belle Arti "Pietro Vannuci" (Perudia - Italia), licenciou na Real Academia de Belas Artes Santa Isabel (Hungría) e conta cun máster de cerámica pola Facultade e Belas Artes de Leioa (Biscaia).

Xerra de auga (mural de Manolo Mesa, fotografía de A.L. Crego). Vista xeral

Intervencións públicas de Manolo Mesa fican por Cambre e Ordes, pero igualmente por diversos recunchos do mundo: Zaragoza, Vitoria, Madrid, Málaga, Xaén, Portugal, Valencia, Italia, Bulgaria, Atenas... No que afecta a proxectos e colaboracións, estes esparéxense por Sevilla, Milán, París, Tinduf..., mais expuxo, con outros compañeiros e compañeiras do eido das artes plásticas, igualmente en Valencia, París, Londrés, Sevilla e Corea do Sur, entre outros lugares. Dar conta de toda a súa actividade creativa é unha tarefa ben complicada, e analizar o que supón outro tanto máis. Porén, para quen gustar dalgúns datos máis, remitimos ás persoas interesadas á súa propia páxina web ou ao seu perfil de Instagram.

Xerra de auga (mural de Manolo Mesa,
fotografía de A.L. Crego). Detalle
Boa parte da obra de Mesa ten que ver coa reprodución muralista (polo tanto a gran escala) de pezas cerámicas de distintas procedencias. Unha delas, a que máis lle interesa ao Alento Esbravexo (sen omitir a importancias das demais), é aquela que o autor elabora sobre a parede dunha vivenda de Ordes e que representa unha xerra de Sargadelos. Comisariado por Mutante Creativo (véxase tamén en Instagram), Mesa participa no festival Desordes Creativas 2020, experiencia que difunde nas redes sociais con estas palabras: "Cando cheguei a Ordes atopei esta xerra de auga, quizais para regar a horta... Gústame pensar na xerra como un recipiente, como un contedor que contén auga, como un nexo de unión entre os habitantes deste barrio".

A obra que loce no concello de Ordes, e que sen dúbida xa forma parte dun roteiro cultural da arte urbana, esa inmensa xerra de Sargadelos de tamaño descomunal provoca en nós, persoas observadoras dende a rúa ou dende as leiras de millo, que nos sintamos como imaxinarios habitantes de Lilliput. Ese elemento decorativo que rega de emoción os ollos de quen mira fica no número 3 da Rúa do Paraíso. Velaí esa decoración xeométrica e floral tan característica de Sargadelos, eses azuis que iluminan unha porcelana da cor da escuma. E realmente é así, hoxe serve de lembranza para o paraíso da memoria, para o paraíso que gusta de anunciar a obra dun xigante, Isaac Díaz Pardo: un verdadeiro Gulliver (Travels into Several Remote Nations of the World) que se aventurou a crear arte ás veces para un país de ananos. Xa volvemos escoitar os versos de Celso Emilio e, novamente, soa o hip hop de Dios ke te crew.

Xerra de auga (mural de Manolo Mesa, fotografía de A.L. Crego)

Beizóns por obra tan fermosa e que corran regos de pintura até o Atlántico. Aí comezan todas as aventuras. Deixamos para todas e todos varias fotografías do mural, disparadas pola man certeira e o ollo atento de A.L. Crego.

Xerra de auga (mural de Manolo Mesa, fotografía de A.L. Crego)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños