Dende Compostela, unha manda de Mercedes Rosón para Isaac Díaz Pardo



Pois chega dende Compostela, berce de Isaac Díaz Pardo, unha manda para el escrita pola man de Mercedes Rosón. Vinculada dende hai moitos anos á Universidade de Santiago de Compostela, Mercedes desempeñou o cargo de subdirectora da Área de Cultura do Vicerreitorado de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, amais de ser responsábel da Fonoteca universitaria. Na actualidade é concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultura do Concello de Compostela. 

Nunha ocasión escoitámoslle unha frase que nos quedou ben gravada e que queremos compartir con todas e todos vós, pois en certo xeito é parte da filosofía de traballo e identidade do Alento Esbravexo: "Temos que multiplicar por cen o galego para que o futuro se poida escribir, ler, pensar e conxugar en galego e dende Galicia". Por conseguinte, alén de saber do valor da palabra, Mercedes reivindica a defensa conxunta do idioma de todas e todos. Desenvólvese moi ben, ademais, como peixe na auga, en ámbitos culturais diversos.

Por outra banda, e para rematar esta introdución, cómpre subliñar que é consciente de que a figura de Isaac Díaz Pardo forma parte do patrimonio (humano) da cultura deste pais. Por iso nos achega un fermoso e tenro texto que envolve a Díaz Pardo (mans creadoras) coa cerámica (pezas creadas) e coa nai da propia Mercedes Rosón (mans creadoras tamén de certo).

Mariña, Teresa e Carmen

Hai aproximadamente 35 anos agasallei á miña nai con estas tres figuras de muller. Foi un 16 de xullo, Día do Carme, polo seu santo. Estas tres pezas acompañárona ata o seu pasamento, hai tres anos. Despois, por aquelas cousas do destino, volveron comigo. Agora están nun lugar privilexiado da miña casa, xunto aos meus máis prezados recordos. 

Escolléraas porque representaban, dun xeito destacado, a iconografía de Isaac Díaz Pardo, o seu valor como pintor, nunca suficientemente recoñecido. Telas tan preto permíteme acordarme de Carmucha (a miña nai) e de Isaac (o meu amigo)

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños