De Charo Golmar a Isaac Díaz Pardo


Dende as terras do Deza chega unha manda feita poema, que recende a esas mans que se entrecruzan e Isaac deseñara para a edición de Memorias dun neno labrego... Porque a autora destes versos, Charo Golmar, ben sabe dos sabores nos que se mergulla: a súa obra entra dentro do entrañábel, como é ela mesma, do agarimo -que sempre desprende-, da tenrura... Porque a poesía, dende o social, serve para facermos memoria, para recuperarmos a palabra das persoas esquecidas (ou que queren esquecer) e darlles voz e alento.

E esta composición chega logo de que a autora se estree como poeta, fíxoo concretamente o ano pasado, cando menos para o público, pois co Nobelo de luz aluméase cunha muxica o vieiro da palabra, o camiño do idioma (ese que tanto defendeu Díaz Pardo e os galeguistas, non esquemos o presidio e a coherencia de Xesús Golmar), as congostras da nosa identidade, os mares da nosa cultura, os universos do que nos é propio... 

Por iso, e moito máis, beizóns e saúde dende a palabra dunha lingua que se fai mar, que recende a terra e que debemos alumear co faro do compromiso patrio. Os soños libertarios de Isaac fican connosco, habitan no ser de todas as  persoas que amamos esta nación Atlántica.

ISAAC DÍAZ PARDO

Isaac,

nas túas mans, voan aínda

as pombas namoradas,

sobre as ondas do  mar

que  nos abrazan.

 

No perfil curvo das formas,

remanece a esencia

do teu soño libertario,

alén  do Atlántico.

 

Na primaria cor cerámica,

e na luminaria das imaxes,

fálasnos do amor á patria,

dunha terra con alma.

 

Recolliches o herdo

dos penedos e dos castros.

Avivaches os soños

do tempo adurmiñado.

 

Prendiches a chama

dun legado cultural,

que nos conforma,

como pobo identitario.

Espeliches estrelas

sobre o pano,

branco e azul,

da nosa casa.

 

Puxeches lúa chea

na noite do pasado,

e luz na alba,

no presente, que arelamos.

 

Manteremos sempre vivo,

na memoria,  o teu latexo,

de home sinxelo,  traballador,

comprometido e esperanzado.

                                    “Charo Golmar”

                          (M. Rosario Golmar Saavedra)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!