Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos
Ilustración de Araceli Guillán Dopico |
Araceli Guillán Dopico deseña, debuxa e pinta que é unha marabilla. Pouco coñecemos dela. E aínda que nós mandou unha ilustración para honrar a Isaac Díaz Pardo, esta tamén loce na cabeceira do seu valado de facebook. Está composta por varios colgantes de Sargadelos que penduran do pescozo dunha muller retratada (anónima e sen faciana). As cores neutras (grises e negros) dominan na lámina, mais contrastan tamén con outras vistosas (vermello, malva, amarelos con verdes)...
Porén, para escorrentar os meigallos e outros feitizos, as faladurías e os falabaratos, resaltan as xeometrías das figas, do escarabellán, da espiral, da gradicela atlántica (non só é unha estrela), do furamán, do curuxán, do cornapecho, do catríscele celta de Elviña... Xa case, con estas palabras, creamos un esconxuro de vez.
Se arraiara,se arraiara,
todas as meigas levara.
Xa arraiou,
xa arraio,
todas as meigas levou.
Peladas eran,
peladas eran,
todas as meigas
que andan pola terra.
Peladas son,
peladas serán,
todas as meigas
que andan polo chan.
Velaí se observa toda esa maxia camuflada nos colgantes e colgarexos de uso cotía, a ancestralidade labiríntica pendurada do pescozo, non coma unha cruz ou escapulario, senón coma unha referencia metafísica do que somos e, paralelamente, un símbolo resistente da nosa permanencia como pobo. Case nos apetece sinalar (desculpade a arroutada) de vermos na espiral unha chiscadela ao existencialismo sartriano: somos na medida en que avanzamos (porén, sempre que se avanza hai un punto de orixe e unha dirección e destino).
Ilustración de Araceli Guillán Dopico |
Comentarios
Publicar un comentario