Xavier Queipo e a Isaac-polimerasa


Xavier Queipo dende Bruxelas enviou no seu día unha manda que hoxe aquí reproducimos. Como en tantas obras del, é desbordante en ocorrencias, en ideas e gasta unha escrita fabulosa ateigada de recursos estilísticos, moitas veces novos ou anovadores. Hai quen considera que, alén de escribir para un amplo público, constituíuse ao longo da súa actividade cultural nun verdadeiro escritor de escritores. Digamos que moitas e moitos de nós aprendemos mercé dos seus textos. 

E que conste que a súa palabra está moi vinculada coas ciencias e cos xogos malabares que con elas pode realizar, todo grazas á súa formación nestes universos (a bioloxía e a medicina son parte da súa formación e epicentro de moitas curiosidades). Algunhas persoas do Alento Esbravexo gustamos de obras como Ártico 2.0, Cartas marcadas, Corazón de Manteiga (o máis actual dos seus títulos narrativos), pero sobre todo, sobre todo... Os ciclos do bambú, unha obra que debemos lela cos ollos abertos pero tamén con eles pechos, intentado contemplar a cor laranxa do sol cando atravesa as nosas pálpebras.

Poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil, tradución... son varios dos xéneros nos que se encadra a escrita de Queipo, unha escrita laureada en múltiples ocasións, polo que Xavier foi recollendo premios e galardóns a nivel nacional e internacional, sempre coa humildade que o caracteriza e labor calado. Traducido a non poucos idiomas, compaxina a súa vida entre Bruxelas e Vigo, mais o Atlántico como o Oriente sempre o atrae, feito que se amosa (case coma se for un mantra) en boa parte das súas obras. 

Retomando de novo ás orixes desta presentación, entregamos aquí a súa manda, que ten moito que ver coa (con)ciencia, co goce e a memoria. Titúlaa A Isaac-Polimerasa.

Beizóns e feliz día de Rosalía!

A Isaac-polimerasa

A definición primeira dun ‘catalizador’ sería a dunha substancia que acelera ou retarda unha reacción química sen participar nela. No primeiro caso, fálase dun catalizador positivo e no segundo dun negativo. Unha definición aplicada ao mudar o campo semántico da química á socioloxía ficaría na fala común restrinxida ao aspecto positivo. É dicir, aquela persoa que atrae, conforma e agrupa forzas, opinións e/ou sentimentos. Concretando aínda máis as encimas/enzimas son proteínas que interveñen nas reaccións químicas nos seres vivos. Son substancias que, sen se consumir nunha reacción, aumentan notabelmente a velocidade da reacción. Fóra do eido da química falaríase mais ben de fermentos ou lévedos, como os que facilitan a produción de viño, queixo ou pan. Concretando aínda máis, unha ‘polimerasa’ sería unha encima capaz de transcribir ou replicar ácidos nucleicos (compoñentes do material xenético).

Recentemente terán escoitado falar da reacción en cadea da polimerasa ou PCR[1]. A reacción en cadea da polimerasa (PCR) é unha técnica de laboratorio empregada para amplificar secuencias de material xenético (ADN). O método usa secuencias curtas de ADN chamadas ‘cebadores’ para seleccionar a parte do xenoma que precisamos amplificar. A temperatura da mostra sube e baixa a repetición para axudar á encima de replicación a multiplicar a secuencia de xenes que está sendo copiada. Con esta técnica pódense producir un billón de copias da secuencia seleccionada nunhas poucas horas.

(...)

Xavier Queipo


Descarga todo o
texto nesta ligazón:
paga a pena


[1] Técnica utilizada na identificación do tristemente famoso Coronavirus COVID-19.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!