Santiago Fernández Lago, Isaac, o tempo e o grafito

Retrato a lapis de Isaac Díaz Pardo (obra de Santiago Fernández Lago)

De conversa nunha ocasión, hai ben tempo, co escultor Maxín Picallo, nesas parolas que se alongan e estarrican porque todo encaixa (o tema, a atmosfera, o instante...), comentaba coa sabedoría que o caracteriza que "unha face sen engurras é coma un país sen historia". 

Retrato fotográfico de Isaac
(obra de Eduardo Montes-Bradley)
Sen dúbida resulta unha grande evidencia tal afirmación, pois ao final a biografía de cada quen non deixa de ser a historia dunha existencia e o tempo, que se vai cicelando silandeiro no rostro, o testemuño de ter vivido, a páxina epidérmica na que se escribe a dor, a soidade, a ledicia e as vitorias.

Daquel mozo que no trinta e seis apostaba polo estatuto de autonomía da Galiza, daquel rapazolo que axudaba ao seu pai no obradoiro de arte, quedou ese tempo vivido... Chegaron as canas co coñecento, as engurras coa experiencia e na fronte, como pasa polo arado das vivencias e proxectos, un océano de sucos en marusía. E iso é o que nos trae hoxe dende o Milladoiro Santiago Fernández Lago, a representación do paso do tempo na face de Isaac, a rabuño dun calendario que vai aumentando en anos e a aparencia dun Isaac artista xa froita chegada. Santiago, valéndose dunha imaxe do "señor de Sargadelos" que circula pola internet e que resulta ser da autoría de Eduardo Montes-Bradley, elabora a súa peza en grafito sobre papel. Velaí fican os ollos afundidos, os riscos na fronte o queixo marcado, as comisuras dos beizos e das pálpebras... o alento, quizais esbravexo, contra un vidro na venta fechada do IGI.

Neste retrato, evidentemente, contemplamos a un Isaac-Froita madura, e coma bo resultado dunha vida florecida, tamén batemos co mestre, o ser humano e un xenio que... quizais deixou semente!

Grafito de Isaac Díaz Pardo (obra de Santiago Fernández Lago)



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños