O ollo do creador, Martín Lestao e Isaac Díaz Pardo

O ollo do creador (obra de Martín Lestao)

Ben interesante é O ollo do creador, obra que en técnica míxta elaborada por Martín Lestao. Cunha medida de 40 centímetros de diámetro -pois trátase dun lenzo circular- o autor deseña unha peza ben curiosa e interesante. Pero primeiro mergullaremos a nosa curiosidade na biografía del. Segundo temos coñecemento, Martín Lestao é unha persoa que sempre estivo vinculada coas artes plásticas, dende a súa mocidade cando estuda o bacharelato artístico en Burela (2006-2008) até rematar o grao en Belas Artes en Pontevedra (2010-2014). Alén diso é técnico de Proxectos de Edificación. Segundo el mesmo indica, "a maior parte da miña obra trata temas que me arrodean persoalmente, xentes, animais, acontecementos... tamén acostumo bosquexar garabatos e facer deseños xeométricos de lugares e obxectos que me interesan".

O ollo do creador (obra de Martín Lestao)
Malia a súa xuventude, Lestao expuxo en non poucas ocasións, comezando con Déixame Fozarte (nas Galarías Sargadelos de Foz -2021), para continuar con mostras instaladas en Foz, Boiro, Outes, Museo Provincial de Lugo, Ribadeo, Barco de Valdeorras, Burela, Uriangato (México)... Ten colaborado con moitos colectivos e desenvolvido ou participado en interesantes proxectos (serve de bo exemplo o I Encontro Internacional de Alfombras Florais e Arte Efémera - Compostela). Entre os obradoiros que desenvolve queremos subliñar aquel de Arte Terapia destinado a enfermos con Alzheimer (AFAN  Burela - 2019).

No que atinxe á obra que entrega para honrar a Isaac Díaz Pardo, ninguén mellor ca el para describila. Entrementres, deixamos aquí constancia do noso sincero agradecemento e do clamoroso aplauso que entregamos pola súa obra!

"Esta obra xurdiu a partir da miña fixación pola cerámica de Sargadelos. Unha das características de Isaac, e quizais a que máis me chame a atención, é o tratamento que fai sobre dos ollos dos personaxes que pinta. Representa uns ollos grandes, recachados e na maior parte en tonalidades claras. A partir da ollada de Isaac quixen construír a miña obra, un ollo sobre un formato redondo, quizais para representar como el  o fai e para darlle ambigüidade á obra e dotala de xénero, de xénero feminino, podendo representar, tamén, un peito feminino, otra das características da obra de Díaz Pardo. Unha mirada, un peito... sobre un mar aberto azul, azul cobalto e con ideas que navegan arredor dun como representan os peixes".


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños