Manuel Cabada Castro, Isaac Díaz Pardo e a loita inocente


Manuel Cabada Castro é un deses cregos galeguistas cos que nos gusta coincidir. A súa sabedoría desbordante provoca que estemos atentos aos seu dicir, ás súas reflexións e pensamentos. Porque ben necesario é que membros das confesións relixiosas -e en particular a católica e a protestante- saiban achegarse a pobo coa palabra que nos é propia. Porque a diversidade lingüística é unha bendición e non a condea de Babel... Manuel Cabada -sen dúbida- teno claro, por iso precisamos da súa compaña e lemos decote as publicacións que lanza dende medios como Terra e Tempo, Encrucillada, Grial, Tabeirós Montes... Raíz e compromiso é a Galiza de Cabada, xa que pertence ao grupo dos seres resistentes, re-existentes dende o galego. Lembramos a Xosé Chao (con ese Eu renazo galego), a Moncho Valcarce (crego das encrobas), Basilio Álvarez (fundador do xornal La Zarpa)...

Debemos sinalar sobre o autor desta manda que é natural de Sabucedo (A Estrada) e que conta cun currículo que nos saca a respiración: licenciado en Filosofía pola Universidade Pontificia de Comillas, en Filosofía e Letras pola Complutense de Madrid, Teoloxía pola Universidade de Innsbruk, e doutor en Filosofía polas de Múnic e igualmente pola Complutense. Profesor na Universidade Pontificia de Comillas, amorea numerosas obras en galego, castelán e alemán. 

Por outra banda, queremos lembrar dende o Alento Esbravexo que o seu tío Xosé Manuel Cabada Vázquez -persoa de credo, sabedoría e crenzas- fora autor daquel fermoso libro titulado Vagalumes (que leva cuberta de Camilo Díaz Baliño) e que dá nome a un colectivo tremendamente útil e dinámico das terras estradesas... Con eses Vagalumes tamén colabora o admirado Cabada Castro. Velaquí achegamos unha entrada da súa manda, que poderedes decargar na súa totalidade premendo na icona que tedes á dereita. Beizóns, sabedoría e moito galego, caro irmán!

Isaac, unha loita inocente e libre contra a morte

Cuberta elaborada por Camilo Díaz Baliño
para Vagalumes, obra de Xosé María
Cabada Vázquez
Deixarse matar polos mortíferos, polos virus pestilentes dos que exercen inxusta e impunemente o matar, sería a meirande vitoria dos covardes asasinos de seu pai Díaz Baliño, pois así desfaríanse eles non só do que por eles fora sinalado pra morrer senón tamén da proxenie testemuña da exercida barbarie. A semente, porén, no noso caso Isaac Díaz Pardo, non é tan doado matala ou desvirtuala, porque calquera semente adoita ser cativa e pequerrecha e sabe agocharse nos máis recónditos, case invisíbeis, recunchos da natureza virxe e acolledora. Tralas matanzas “patrióticas”, supostamente robustecedoras da saúde dun fatuo imperio non hai desde logo un presento Deus abrahámico que esixa sacrificios humanos, senón simple e vil exercicio dun autoproclamado imperio fronte a quen non son menos en entidade e dignidade cós seus abxectos agresores.

Cando Camilo Díaz Baliño, seu pai, foi eliminado, era Isaac un adolescente que aínda non chegara ós dezaseis anos e a vida bulía xa nel con fervor propio. Foi el quen recollería con garbo o legado artístico do seu proxenitor e o multiplicaría de mil novos xeitos no tempo do seu vivir. Persoalmente, teño que dicir aquí que percibín de maneira especial a apertura e agarimo xenerosos do seu bo facer cando lle presentei pra a súa posterior publicación nas Edicións do Castro o orixinal do meu escrito Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936). Meu tío, Cabada Vázquez, non só fora íntimo amigo de Díaz Baliño, senón que coñecera tamén o seu fillo Isaac (tal como se pode ler nas cartas que el dirixe a seu pai), por máis que Isaac fose aínda case un rapaz. De ámbolos dous foi Isaac, pois, desposuído case ó tempo, dado que entre o pasamento de Cabada Vázquez e o do propio Díaz Baliño no ano 1936 nin sequera cinco meses chegaran a transcorrer. Historias e biografías entretécense así, tantas veces, de modos inesperados e imprevisíbeis.

Manuel Cabada Castro

Para continuar
coa lectura
preme a icona
que tes á túa
dereita

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños