Isaac Díaz Pardo, Ricardo N. Sobrino e a transcendencia


E nesta época que, lamentabelmente, anda o pensamento río abaixo e os valores humanos tamén en mingua... sempre é necesario reencontrarse coa filosofía, cos razoamentos pausados, analíticos, empíricos e construtivos. Non se pode reconstruír e evolucionar se non se crea en todo momento un método idóneo para sermos dende o respecto, dende a diversidade, dende a identidade. 

Por iso hoxe publicamos unha manda que ten moito que ver con este asunto, co futuro e o progreso dos pobos tendo como trabe mestra a figura de Isaac Díaz Pardo. A colaboración conmemorativa vén da man de Ricardo N. Sobrino, profesor en filosofía e artista plástico. Ricardo é desas persoas reflexivas, comedidas, amante das artes e da música, resaltando nesta última disciplica como un pianista e amante do piano. No eido das artes, e alén das súas participacións en mostras nacionais e estatais, é unha das persoas organizadoras das xornadas artísticas que todos os veráns se celebran na vila termal do Baño (Cuntis), contando con artistas moi valiosos dentro do panorama galego e español. Por conseguinte, debemos aplaudir a N(úñez) Sobrino non só pola súa colaboración neste proxecto de dar luz, espazo e tempo á figura de Isaac Díaz Pardo, senón por ser impulsar ideas de reactivación cultural.

Mais desta volta, aínda que sexa membro da Asociación de Artistas Plásticos Galegos, a súa participación co Alento Esbravexo -como xa deixamos indicado- envórcase no ensaio, velaquí o seu Isaac Díaz Pardo: Biografía e Transcendencia.

ISAAC DÍAZ  PARDO: BIOGRAFÍA E TRANSCENDENCIA

Dende a psicoloxía da comprensión, como ten acreditado Ch. Bühler co seu amplo estudo de biografías, podemos falar de dous elementos que serven de fío condutor para dilucidar non só as partes que configuran unha personalidade, senón tamén as facetas que constrúen unha biografía. É claro que a prolongación do psicolóxico ao biográfico é lexítima posto que o primeiro aclara o segundo, que o particulariza.

Referímonos ao curso da vida dende a perspectiva subxectiva, construída polos pensamentos, volicións... que constitúen o mental; e por outra banda o curso da vida en canto a realizacións obxectivas, verificábeis, tanxíbeis.

Non nos podendo afastar do campo concreto, que pretendemos acoutar, destacamos na biografía de Isaac Díaz Pardo dous elementos, sen dúbida importantes por varios motivos, que pertencen ao aspecto obxectivo biográfico: a súa faceta de pintor e a súa faceta de creador-recuperador da fábrica de Sargadelos. Así que deixamos para os expertos biográficos de Isaac Díaz Pardo a investigación do proceso vital-mental do seu pensamento e tamén unha exhaustiva relación dos seus logros obxectivos.

A vida concreta de Isaac Díaz Parte parte, como toda vida, dunha “facticidade”. Poucos autores teñen profundado na dimensión óntica desta facticidade como Heidegger que, como é sabido, está ancorada na “cura” ou “coidado” (Sorge).  Pois ben, o contexto na biografía de Isaac Díaz Pardo, ou un dos contextos, está circunscrito a un territorio que é Galiza. Aquí as particularidades deixámolas tamén aos especialistas, pero a importancia das dúas facetas sinaladas da súa biografía obxectiva do curso da vida, a creación pictórica e a continuidade de Sargadelos, xorde cando transcenden o contexto no que aparecen e crean novos contextos. Xa que logo, a facticidade concreta da existencia compleméntase, cando menos nalgúns casos, nunha transcendencia hermenéutica do biográfico, aínda que, tamén de cando en vez, sen plena conciencia ou pretensión de tal alcance por parte do autor. Porque neste caso a pintura de Isaac Díaz Pardo é unha pintura galega; e Sargadelos, cos seus novos deseños, proxecta cara ao futuro tamén a construción dun país.

O proceso de constitución da identidade dun país ou nación, como é ben coñecido, ten lugar no século XIX; e fíxose a partir de elementos do pasado buscando esencias diferenciadoras. Creo necesaria unha dinámica de complementariedade que constrúe unha nación, paradoxalmente, dende o futuro e non só dende o pasado. Nesta construción valoramos as achegas de Isaac Díaz Pardo.

En moitos eidos Galiza pode dar a súa achega, xa que no contexto de nacións, dende a particularidade galega, se busca o común baseado naturalmente non nunha globalización –que pretende introducir pola porta de atrás unha “pseudorracionalización” disfrazando, de xeito astuto, unha cobiza do mercado–, senón unha racionalidade propia de toda a humanidade. Velaí as teorías que xorden en parte tras a II Guerra Mundial, nas relacións internacionais baseadas, entre outros aspectos, nas novas teorías da construción da paz.

O círculo péchase: a arte, a creación que achega, é dicir, a hermenéutica da transcendencia biográfica de Isaac Díaz Pardo, pero tamén a xustiza, a eliminación da pobreza e outras reivindicacións, dan esperanza a un horizonte que, porén, se presenta –dito suavemente– escuro.

 

Ricardo Núñez Sobrino

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!