Xulio Pardo de Neyra, Isaac e o verso

Gaiteiro (obra de Isaac Díaz Pardo)

A composición poética que aquí reproducimos chega da man de Xulio Pardo de Neyra, unha persoa tremendamente curiosa e interesada de múltiples disciplinas do saber... É autor de varias obras narrativas, mais tamén dun extenso número de ensaios que ven a luz en diversos tórculos galegos, entre outros os da chorada Ediciós do Castro

Non hai moito conseguimos o máis recente disco d'A Quenlla, no que Mero Iglesias musica as pezas do trobador Martín de Padrozelos. E isto vén ao caso pois Xulio Pardo de Neyra foi quen de identificar o lugar de orixe dese poeta e músico do medievo, nado no val do Mao (San Salvador do Mao - O Incio) cara ao ano 1075. Segundo o autor, estaríamos perante un dos trobadores coñecidos máis antigos do noso país, polo que a lírica madura e internacional xa se facía ouvir entre finais do século XI e comezos do XII, onde o verso en galego alertaba dun país atlántico chamado Galiza. 

Recomendamos, logo así, que se consulte o ensaio Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa (Toxosoutos 2005) escrito polo propio Pardo de Neyra e, de paso, aproveitemos os instantes para deleitarnos co Trobador no camiño: As cantigas de Martín de Padrocelos lanzadas dende o bo facer da Quenlla.

Desta volta, quizais, Xulio Pardo é quen se facer xograr, segrel ou trobador, malia que ter escollido para lembrar a vida dun seu "amigo" certas estruturas poéticas orientais. Porque, como Xulio ben afirma, Isaac Díaz Pardo segue a gastar o "mandilón do Camilo e nun mandado en que a memoria é quen manda".


Haikús para Díaz Pardo


mando unha manda para o Isaac.
co mandilón do Camilo e
nun mandado en que a memoria é quen manda.


mándame, manda, mandamento e mandorla,
memorial: material, maternal, musical.
porque cando un Isaac nos abandona, nunca o fai para morrer.


mandáchenos o mar, mandáchenos o río,
a auga que gabea , gabita que nos gaba,
e o volume da serra, a bravura, a fartura e a fervedura. Que nunca esquecerá.



Xulio Pardo de Neyra



Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños