Unha carta de Antón Costa Rico para Isaac Díaz Pardo


Pois desta volta tocouconos facer de servizo de correos -e con moito gusto- pois ao buzón do Alento Esbravexo chega unha carta de Antón Costa Rico dirixida a Isaac Díaz Pardo. Así e todo, o remitente déixanola ler, pois moitos dos aspectos que indican -e das que informa a Isaac- fomos tamén persoas espectadoras e, nalgunha ocasión, realizadoras.

Resulta unha mágoa que o informe de que dende a Xunta siguen os de sempre con "pel de elefante" ante o problema de lingua, de perda paulatina de falantes. Incluso hoxe houbo alguén que nos dicía que até un monumento arquitectórico se restaura e intenta reerguer, aquí o edificio do idioma non conta con esas axudas. Mais non nos desviemos da manda, pois cómpre facer memoria de que Antón Costa -o autor epistolar- aínda que de orixe analuza gasta decote o idioma do pobo que o acolleu a el e á súa familia (procedían de Andalucía). E tanto é así que a maior parte das súas obras están publicadas en galego, lembremos que foi unha das persoas fundadoras de Nova Escola Galega (1983), que promoveu a Revista Galega de Educación (1986) e que ademais de pedagogo é catedrático (xubilado) de Historia da Educación.

Cantos Antón Costas precisamos neste país e cantos Isaac! Canta lucidez se necesita para que esvaezan estas tebras seculares que non deixan contemplar o camiño! Porque, aínda dende o realismo, esta manda fala de luz, de reparar, construír e camiñar dende a solidariedade e a cooperación social. Sen dúbida unha sociedade responsábel e que actúa como tal ten que vivir dende a solidariedade (verdadeiro resultado da saúde dun pobo).

Dende o Alento que non cesa deixamos un petisco desta carta, porén poderédela descargar na súa integridade ao premer na icona lateral, xusto na imaxe que represente a este colectivo que -entre outras responsabilidades- busca tamén dar luz á palabra. Beizón, Antón, e moita saúde para o pobo e para as xentes que o constitúen. Apertas solidarias!

Querido Isaac:

Desde que fuches durmir fóra ―como diría Xesús―, e van oito anos, moitas cousas pasaron…no mundo…e na nosa casa, e quero aquí acordar no fermoso poema de Gabriel Aresti Nire Aitaren Etxea, isto é, Defenderei a casa do meu pai. Non che sei dicir cantas cousas foron a mellor, pois penso que poucas, sendo tamén certo que agora mesmo estamos baixo o impacto dun virus que matou a ben de xente e que aos máis tennos vivindo con algunha preocupación.

Non quero pensar como andarías ti cunha mascara tapándoche toda a cara. Un desastre! Porque se é verdade que a cara é o espello da alma, deste modo, agora apreciaríamos os teus ollos, que non  é pouco en sabendo lelos ―que non era doado―, pero perderíamos o xesto do teu sorriso, cando na combinación dos teus ollos e do teu sorriso eu detectei (como tantos) o vivo sorriso de Daniel, do Pórtico da Gloria,como tiven ocasión de dicir na homenaxe que che renovamos o 7 de xaneiro de 2016 en Boisaca, atendendo á chamada da Academia Real Isaac Díaz Pardo, algo que logo quedou publicado.

Preme aquí
pra seguir
coa lectura
Mais, ao que ía. As cousas que foron a peor viñan cocéndose cando estabas con nós aquí: crise económica e climática, a xente moza con problemas para enfrontar con certa tranquilidade o seu horizonte vital, a nosa lingua que segue a derramarse entre a xente, ao tempo que os que nos gobernan –segue Feixó‒ mostran ante o asunto pel de elefante, e seguiría referíndome a máis cousas, aínda que non debo, que non é do caso que te amole.

(...)

Antón Costa






Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños