Selfie na culler (de Isaac). Obra de Moncho Rama

Selfie na culler (obra de Moncho Rama)
Primeiro foi o golpe militar, logo a Guerra Civil e posteriormente a ditadura; mais xusto dez anos despois de que os fascistas roubasen o estado coa súa gadoupa, no Castro de Samoedo comezou todo. E ao pé desas torres que houbo quen izou como símbolo do novo poder, da nova facina dun goberno que estruga os pobos, os estados e as xentes, Isaac ergue un novo símbolo da liberdade para o país: Cerámicas do Castro. Ao redor desta empresa, que xa conta con máis dun centenar de asalariados nos albores dos anos cincuenta, iríanse apegando un conglomerado de realidades empresariais, encargadas de rescatar os nosos símbolos, a nosa historia, a memoria e, en certo grao, o país.

Todo comezou en Sada, terra dos irmáns Suárez Picallo (aínda que oriúndos de terras estradesas). E de aí, deses mares tan lembrados procede a manda de hoxe. Tráenola Moncho Rama (do lugar do Casteliño) e que se di "fotógrafo amador". El, que busca facer contemporáneos certos símbolos, idea un selfie para Isaac, orixinal proposta pois estimula en nós un fluír de interrogantes. Sería preciso, logo así, cuestionarnos se somos quen de vernos realmente reflectidos na obra do creador de Cerámicas do Castro, se somos quen de entender que no reflexo debemos atopar tamén a responsabilidade, a coherencia e a memoria. 

O autor elabora unha fotografía dixital da súa obra e analízaa deste xeito:

"Selfie na culler

Sobre o cazo da culler do xogo da queimada da fábrica do Castro aparece reflexado o autor: un selfie propio do século XXI sobre un deseño do século XX. A culler, coa pegada característica da casa diazpardiana, vese acariñada polas palabras do homenaxeado, simbolizando esa íntima relación entre o autor e a obra.

A maxia da queimada, tan galega ela, tamén se ve reflexada na homenaxe; así como o deseño cartelístico tan do aprezo de Isaac".

E aquí queda esta atinada análise de Moncho Rama, non carente de varias lecturas paralelas que nos fan oscilar, abofé, ao redor do labirinto da historia e serpear en círculos aéreos sobre un castro = orixe = matria = vasilla = utero = nai.

Beizóns, Moncho e que teñamos moito mar nas nosas vidas!

Selfie na culler (obra de Moncho Rama)


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños