Manuel Pereira. Isaac. Sargadelos. Madrid


Natural das Terras da Estrada, concretamente da freguesía de Ouzande, é Manuel Pereira Valcárcel. Reside en Madrid, onde traballou de mestre, e nesa cidade formou parte do grupo poético Bilbao, fundado por volta de 1996. Ocupouse da secretaría da revista Olga, Revista de Poesía Galega en Madrid, que ve a luz en xuño de 2016. 

Pereira -escritor- publicou un restra de títulos, coidamos que máis dunha ducia, que abranguen sobre todo os eidos lírico e ensaístico. Así e todo, sobrepasan outras dúas ducias os libros de coautoría. 

As persoas que temos coincidido con el sabemos que Pereira Valcárcel é realmente un poeta, pois a poesía -por enriba de calquera outro xénero literario- teno modelado como tal. Pois se o pensamos ben, traballar co verso, estarricalo, fundilo, enredar coas palabras, as emocións e os sentimentos fan que un, de xeito directo ou indirecto, sexa o resultado desas experiencias, por veces íntimas, por veces lúdicas e en tantas ocasións imprescindíbeis para (re)existir. Desta volta, Manuel gustou de lembrar a aquel que naceu en Compostela, antes de que a pólvora enchese as rúas e as fosas (tamén nasais e da nausea) de corpos ciscados e ausencias...

Pereira titula a súa composición "Isaac. Sargadelos. Madrid" e esta resoa así:


ISAAC. SARGADELOS. MADRID


Levabamos pouco tempo en Madrid
e descubrimos que o seu centro non
estaba na Porta do Sol.
O eixe de simetría era Sargadelos.
en Zurbano corenta e seis.
Adro laico, dársena, aldea compartida.
Sosego e controversias,
encontros e descubertas.
Luz e memoria.
Isaac Díaz Pardo e Inés Canosa.
E nós, cos ollos moi abertos.

Manuel Pereira Valcárcel

Beizóns, saúde e que o verso consiga a liberdade na súa rima e no seu ritmo!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños