Loxo Seixas, Facer Raíces e Isaac Díaz Pardo

Facer raíces (por Loxo Seixas)

A estampa resulta impactante, o contido igualmente e as metalinguaxes que xermolan da fotografía fánsenos comprometedoras. Comprometedoras porque teñen que ver co compromiso, co exercicio de interpretarmos que igual algo vai connosco... Quizais, talvez... E por que non? 

Certo que Isaac ten as raiceiras na Galiza, mesturadas en todos os nutrientes e augas do pobo (lingua, cultura, identidade, historia, xentes... gremios), mais desa raiceira que medrou en Isaac para conformar a fantástica obra da súa vida, xorden preguntas obvias e imprescindíbeis: 

A súa figura fixo grelar raizames noutros seres? 

Somos quen de entendermos que a planta debe seguir a medar, gozar de vida e saúde? 

Comprendemos que o noso alimento nutricio está na Terra, en toda ela, na codia (tempo, sociedade, conflitos, triunfos) e no substrato (historia, idiosincrasia, palabra, pobo... nación, Galiza)? 

O autor desta peza que tanto nos fai reflexionar é Loxo Seixas, un galego nado en Madrid nos anos 80, fillo de galegos pero que nace lixeiramente desarraigado. 

Facer Raíces (fotomontaxe
procesada. 
Autor:
Loxo Seixas)
Porén, pouco a pouco vai afundindo máis e máis as súas raíces na alma do pobo, e hoxe xa se pode decir que é un home da terra.

Como fotógrafo consegue algúns premios na súa mocidade e tamén a publicación dalgún dossier en revistas especializadas. 

Hogano colabora decote coas súas imaxes nos videopoemas do escritor rabadense Xosé Pompei. Estes traballos pódense atopar no canal de YouTube 'Dousmaisdous Lume'.

Agora só nos resta agradecer a Loxo Seixas tan interesante e necesaria imaxe, que todas e todos vós gocedes dela e, se sodes quen, respondades ás cuestións arriba formuladas... 

Pola nosa banda, dende o Alento Esbravexo, xa temos un resolución únanime e un aplauso colectivo pola Terra.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños