José Mª Monterroso e um requiem por Ediciós do Castro


Esta manda que compartimos con todas e todos vós procede de José-Maria Monterroso Devesa-Juega, un reputado escritor galego que conta cunha manchea de libros enmarcados nos xéneros poético e ensaístico. Entre os anos 1988 e 1991 foi presidente da Asociación Cultural "O Facho", entidade que nace en 1963 co obxecto de defender o idioma galego, o que supuxo un claro embate político contra a ditadura franquista. Moterroso, ademais, é membro fundador da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Associaçom Galega da Língua.

Coa súa manda, o autor, de pluma decida e contundentes palabras, busca sen dúbida remexer nas conciencias daquelas persoas que propiciaron a deseparición por "morte matada" de Ediciós do Castro, amais de nos trasladar a todas e todos a responsabilidade de non "calarmos  perante tal feito". E dillo non só ás autoras e autores que tiveron a sorte de publicar algunhas obras nesta editora senón, ademais, ao lectorado que foi quen de saborear producións que tanto colaboraron no engradecemento literario dun país chamado Galiza.

Velaquí fican estas reflexións, apuntamentos e advertencias publicadas outrora polo seu autor en "Montevidéu, março de 2011".

Beizóns, saúde e, igualmente, valentía para todas/os!


Requiem, seródio e breve de mais, por Ediciós do Castro

Mais de 200 títulos da colecçom DOCUMENTOS PARA A HISTORIA CONTEMPORÁNEA DE GALICIA tem tirado do prelo Ediciós do Castro, recentemente desaparecida de morte matada.

Nestes ingratos tempos de involuçom democrática no nosso país e mais no Estado espanhol e na Europa toda, constitúe um capítulo singular o eclipse dumha editorial que, se por algo vai ser botada em falta, será por essa concreta série de títulos que na nossa Terra contribuíu decisivamente à recuperaçom da memória dos que estiverom silenciados durante décadas, eles e os seus achegados.

Memorias dun neno labrego contou
con 23 edicións lanzadas dende
Ediciós do Castro
Ediciós do Castro, fliha do Laboratorio de Industria e Comunicación, nascida no Castro de Samoedo (Sada) em 1963 (e posteriormente incorporando a Editorial e Imprenta Moret da Corunha), publicou, com anterioridade a dita colecçom, obras fundamentais de e para a nossa cultura, nos mais diversos campos: teatro, narrativa, poesia, arte e ensaio de toda caste: filologia, história, economia, ecologia... Mesmo reediçoms como O Divino Sainete ou Terra de Melide ou bestsellers (que o termo nom seja malinterpretado) como as Memorias dun neno labrego, por nom citarmos mais que algumhas criaçoms insoslaiáveis. Nom devendo esquecermos as séries focadas ao Seminario de Estudos Galegos e aos Cadernos do Seminario de Sargadelos, do Laboratorio de Formas e do Laboratorio Xeolóxico de Laxe...

Esta desapariçom dolosa e dolorosa, nom por anunciada deve ser menos lamentada, mália o tempo passado, mais de um ano, de tal insucesso, e todos quantos fomos beneficiados pola generosidade e bonomia de dom Isaac Díaz Pardo -uns publicando e muitos mais lendo- temos o dever de practicar este a jeito de ofício de trevas, quando se está a falar, a maiores, doutras mortes editoriais galegas.

Na medida em que um povo perde os seus instrumentos de comunicaçom e expressom (neste caso tendo produzido mais de 1.300 títulos devidos a mais de 700 autores em quase meio século de existência viçosa), empobrece-se e de calarmos perante tal feito concreto seríamos a mais de malnascidos, cúmplices de semelhante assassinato.

José Mª. Monterroso Devesa - Montevidéu, março 2011


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!