Francisco Fernández Naval e Isaac Díaz Pardo


Dise poeta e narrador, e que durante 43 anos traballou na administración pública. Porén, Francisco X. Fernández Naval é bastante máis. Non menos de tres ducias de obras ten no seu haber, abarcando os xéneros narrativo, poético e ensaístico; mais tamén conta con varias traducións e outras tres ducias de obras de participación colectiva. Porén, con Maribel Longueira elabora seis títulos que agrandan o xa inmenso e valioso currículo... laureado con varios premios e recoñecementos. 

Perante tan fértil produción ben se ve en que dedica o tempo esta persoa destacadísima do panorama cultural galego. Mais isto non o priva de saber achegarse até nós para facilitarnos unha súa manda co obxecto de ter presente a Isaac Díaz Pardo. 

Resultan importante todas as colaboracións que nos foron chegando para honrar ao mestre do caolín, cada unha dende unha particular visión, tendencia, arte... Por iso, nunca nos cansamos de dicir -teñamos ou non o Alento Esbravexo- que este proxecto serve para asombrar e asombrarnos, alén de configurarse coma un dos testumuños de amor cidadán máis fermosos dos últimos tempos e que homenaxean a un fixo da Galiza. 

Por iso, beizóns así mesmo a Francisco Fernández Naval e que a tinta siga creando palabras para a lembranza e para a existencia.

ISAAC DÍAZ PARDO: DIALÉCTICA E MEMORIA

No mes de maio de 1982, traballando como funcionario público na Administración Civil do Estado, decidín incorporarme, de maneira voluntaria, á Administración da Xunta de Galicia que nacía e botaba a andar. Facíame ilusión participar no proxecto de construción dunha administración pública galega e en galego. O meu primeiro destino foi a Consellería de Industria, Comercio e Turismo, daquela situada na Coruña. Aos poucos meses de chegar, encargáronme organizar un pequeno departamento destinado á promoción da artesanía galega e deseñar un programa de traballo.

Foi nese ámbito cando coñecín persoalmente a Isaac Díaz Pardo e a Carmen Arias, Mimina. Eu sabía de Isaac polo seu traballo artístico e gráfico, en especial polos carteis de cego nos que narraba a historia de Paco Pixiñas e a nave espacial, elaborados co seu estilo e a técnica da banda deseñada. A historia, segundo a dramatización de Xosé Manuel Rabón e Ramiro Cartelle, a partir dos textos de Celso Emilio Ferreiro e do propio Díaz Pardo, foi representada polo grupo de teatro O Facho e eu tivera ocasión de vela na Mostra de Teatro de Ribadavia no ano 1977.

Nos tempo que traballei cos artesáns galegos puiden falar en varias ocasións con Isaac. El era crítico co concepto de artesanía. Na súa opinión a artesanía que facían os novos artesáns, agás excepcións como os encaixes, non respondía xa aos criterios de ser unha arte popular, espontánea e anónima, expresión do ser da colectividade e con vocación utilitaria. Sempre poñía como exemplo que unha ola de Tioira xa non cumpría as funcións para as que fora concibida e que agora servía de adorno no salón dun fogar burgués. Consideraba que o que nós chamabamos artesanía, estaba xa a medio camiño entre o deseño industrial e a obra de arte. Importaba o nome do autor e o produto elaborado xa non era unha simple repetición de formas. Discutimos bastante dese tema. As discusións leváronme a ler a Antonio Machado Álvarez, galego de Compostela, afincado en Sevilla, pai dos irmáns Antonio, Manuel e José Machado, dous escritores e un pintor. Estudoso da cultura popular, fora o introdutor da palabra folclore en España no século XIX e Isaac invocábao moito. Sempre lle agradecerei a paciencia e a xenerosidade que tivo comigo, formándome e achegándome argumentos e reflexións sobre algo que eu sempre observara dun xeito simple e dende fóra.

No ano 1984, o Ministerio de Industria, xunto co ICI (Instituto de Colaboración Iberoamericana), acordou convocar, con carácter bianual, un Congreso Iberoamericano de Artesanía. A proposta era que o primeiro o organizase Galicia, en Santiago de Compostela. A Xunta aceptou e a min correspondeume elaborar a proposta de programa e organizar a loxística do congreso. Unha das iniciativas foi visitar as instalacións do Castro, en Sada, e alí ter un encontro con Isaac. El aceptou. Alá chegaron unha mañá os autobuses ateigados de artesáns provenientes de todos os recunchos de América, España, Portugal e, sobre todo, de Galicia. Isaac recibiunos na praza, levounos a coñecer as instalacións e o Museo Carlos Maside e mantivo un coloquio con eles. Mimina dirixiu a visita guiada aos obradoiros, explicando os procesos de deseño e elaboración das pezas, salientando o que había de industrial e manual en cada peza. Aquel día descubrín a vocación de acollida e o bos anfitrións que eran Carmen e Isaac.

Moitos anos despois, cando investigaba as relacións de Julio Cortázar con Galicia e os galegos, en particular con Luís Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela, soliciteille unha entrevista. Recibiume, vestido coa súa bata gris, no que era o seu despacho e, tamén, en parte estudio de traballo. Falamos de vagar. Contoume que Luís Seoane sentía gran admiración por Cortázar, quen colaborara con eles nos seus proxectos en Bos Aires, a finais da década dos corenta e principios do cincuenta. Isaac non chegara a coñecelo. El chegara a Bos Aires en 1955 e Cortázar marchara a vivir a París en 1951. Pero faloume da alegría de Luís con cada éxito do escritor, en especial pola repercusión que tivera Rayuela e dos retratos del que fixera na sección Figuracións que mantiña en La Voz de Galicia. Eu sabía case todas as cousas que el me ía contando, pero xa contra o final da entrevista, cando nos despediamos, quedou pensando un momento e díxome: busca na editorial Nova Visión, alí podes atopar algo. Ese era un dato novo para min. Busquei e descubrín que Cortázar traballara para a editorial de Seoane, Cuadrado e o impresor López, como tradutor dende 1943. El hombre que sabía demasiado e unha colección de relatos de Chesterton; Memorias de una enana de Walter de la Mare ou Robinson Crusoe de Daniel Defoe, foron as traducións que atopei.

Isaac e Carmen asistiron, en primeira fila, á presentación do libro Respirar polo idioma: os galegos e Julio Cortázar, no auditorio da Fundación Luís Seoane.

Dialéctica, pedagoxía, paciencia, acollida e, sobre todo, memoria. Eses son os trazos da personalidade de Isaac que aprendín na miña relación con el e que van máis alá da admiración pola súa pintura, o deseño gráfico e a capacidade de xerar proxectos para construír un país mellor.

Francisco X. Fernández Naval


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!