Ángel Segovia, Isaac Díaz Pardo e a pomba da Paz


Dende o Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP) chegounos unha manda en cuxo remite se indica o nome do emisor: "Ángel Segovia Largo". Este mestre sinala que "nos numerorosos encontros para a Paz" celebrados no devandito seminario "sempre agasallábamos aos relatores e ás relatoras cunha pomba de cerámica de Sargadelos". Por iso, ben necesario resulta entregar hoxe esa pomba a Isaac Díaz Pardo, para que a xunte coa que tamén levou Julio Montes, e xuntos as fagan voar en liberdade... Porque a paz, a liberdade, a igualdade entre persoas, o dereito á vida, á cultura, ao idioma, a desenvolver unha determinada crenza... son dereitos fundamentais do ser humano que sempre deben prevalecer e que, por desgraza, non podemos deixar de reivindicar día tras día, tendendo sempre a man á diversidade e ao respecto. Xa que logo, hai que loitar pola democracia todos os días, non esquezamos que as gadoupas das ditaduras e dos furtos das liberdades veñen soas e cabalgan sen descanso!

Nas liñas que dende o Alento Esbravexo entregamos para presentar esta manda queremos lembrar que o Seminario Galego de Educación para a Paz conta, entre outros obxectivos, coa necesidade de provomer a educación para a paz, divulgar os valores cívicos e democráticos dunha Cultura de Paz proclamados pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos e o Manifesto 2000 promovido polos premios Nobel da Paz, realizar actividades culturais que fagan realidade estes propósitos, así como cooperar internacionalmente e de maneira especial con ONG similares en países empobrecidos.

Tal colectivo, que todos os anos lanza o seu Premio PortaPaz, foi quen de recoñecer e honrar o labor de diversas persoas e institucións, así por exemplo á Asociación Galega de Defensa dos Desaparecidos en Arxentina, a Bemposta Cidade dos Muchachos, Asociación de Mulleres Maltratadas Ovarias, ao xornalista José Couso (in memoriam), Asociación Irimia, a Carmen Sarmiento...

Velaí que acollamos con todos os aloumiños esta pombiña de Ángel Segovia que leva no bico un cantar de felicidade e de paz. Hoxe voará cara ao colo de Isaac!

Beizóns e saúde democrática!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños