Alfonso Mato, o IGI e Isaac Díaz Pardo
![]() |
Balda dunha vitrina do IGI. Foto do 4 de enero de 2010: Isaac recolle as cousas que lle son propias e que ficaban nesta institución. (imaxe: Héitor Picallo) |
Onte, 5 de xaneiro de 2021, o calendario marcaba unha importante efeméride galega: hai nove anos falecía na Coruña Isaac Díaz Pardo. O seu corpo xace en Boisaca baixo unha fría lousa de granito e na que unicamente se le: "Isaac Díaz Pardo 1920-2012".
Disque onte alguén borboriñou unhas palabriñas ao pé da súa lauda, logo de relembrar a un grande da literatura universal, Ramón del Valle-Inclán, que curiosamente tamén cruzou "a gran braña" un 5 de xaneiro. O pasamento de Daniel de Rianxo será relembrado mañá, aínda que algúns do Alento Esbrevexo xa o tivemos presente mercé da voz dun dos nosos compoñentes, a de David Otero.
Quizais por iso sexa axeitado traer até aquí un texto que elaborou Alfonso Mato para ter presente a Isaac Díaz Pardo e a aquel universo infindo do IGI (Instituto Galego de Información), aquel templo de coñecementos e estudos dos que outrora fora "expulsado" (quizais sobran as aspas, xa hai demasiadas cruces) un dos seus creadores: o propio Isaac.
Para maior detalle, achegamos un extracto da carta que, de xeito agarimoso, nos enviou Alfonso Mato. Este di así:
"Estiven pensando se non sería posible que a miña aportación á homenaxe a Isaac consistise no texto que escribín e publiquei nun folleto en xaneiro de 2008, en edición non venal, baixo o título de Monxoi (32 páxinas: 12 de texto e 13 de fotografías; tamaño: 21x10,5 cm.) en pleno conflito do Instituto Galego de Información. Coméntovolo porque é un texto que seguro non coñece moita xente a causa da súa cativa distribución e, ademais, porque teño a certeza de que polo momento non podería dicir nada máis interesante sobre Isaac e o IGI do que contei alí".Evidentemente aceptamos a proposta de Alfonso, mais non por iso deixamos de publicar a súa achega inicial, pois maniféstase imprescindíbel para entender e comprender o que ocorre na actualidade coa cultura do "desleixo", coa cultura da aparencia, da fachada, do banal, do bacuo, quizais Valle-Inclán denominaría -sen contemplacións- do esperpento.
Mil GraZas, Alfonso por ambos textos... Necesarios, útiles, imprescidíbeis, pero sobre todo valentes (algo que se precisa, e moito, nestas anos de miseria, e non só económica). Saúde e beizóns!
A urxencia de recuperar a admiración
(unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo)
A primeira e única vez que
escribín sobre Isaac Díaz Pardo foi no inverno de 2007-2008, cando as obras da
Cidade da Cultura aínda estaban sen rematar e o Instituto Galego de Información
(IGI), a última factoría cultural do Grupo Sargadelos creada por Isaac, estaba
en transo de desaparición. Volvo a facelo agora, por invitación das xentes de
Alento Esbravexo, cando o IGI está morto e abandonado, ao igual co Museo Carlos
Maside e Ediciós do Castro, dúas importantes iniciativas culturais propiciadas
por Isaac e Luís Seoane desde o Laboratorio de Formas. Mentres, a Cidade da
Cultura, a piques inda de finalizar a súa paquidérmica arquitectura central coa
construción do Edificio Fontán, converteuse nos últimos anos no maior proxecto
cultural público, en tamaño e investimento, de Galicia. Así están as cousas desde hai xa tempo: triunfa a cultura do espectáculo, o desperdicio, o consumo, o
entretemento e a diversión, propiciada incluso polas administracións e
institucións públicas, como esas Universidades que inauguran os cursos con
concertos de música pop/rock e ofertan clases de salsa, bachata, merengue,
conga, cha-cha-chá e rueda cubana, sen esquecerse das danzas tradicional
galega, contemporánea, creativa ou oriental, ademais dos cursos de pandeireta e
similares. Semella que as administración públicas tomaron nota daquilo que
escribira Félix de Azúa nos anos noventa: «¿Qué le dicen las masas al Estado?:
Diviérteme o te mato». En fin, diante deste panorama pouco tiña que facer unha
industria cultural privada creada con poucos medios económicos e humanos e centrada,
sobre todo, en investigar e divulgar dun xeito claro e sinxelo a nosa historia e
a nosa cultura e apoiar as actividades de diversos colectivos e sectores culturais
galegos.Isaac Díaz Pardo
(foto; María Lojo)
A pesar do fracaso final
das súas empresas, ben merece Isaac Díaz Pardo as homenaxes que se lle van dedicar
este 2020 co gallo do centenario do seu nacemento en recoñecemento do seu labor
como empresario, artista, deseñador e impulsor da cultura en Galicia. Agardo
que, ademais, a divulgación pública da súa vida e as súas obras esperte o
interese dos estudosos e que algún historiador da economía se dedique a
investigar sobre o Grupo Sargadelos ou que un ensaísta ou historiador da
cultura se anime a afondar na súa vida ou a debuxar alomenos un perfil
biográfico de Isaac ao estilo de Lytton Strachey, tarefa que me propuxera o meu
amigo Antón Baamonde valorando con cariño as miñas cativas dotes como escritor
e psicólogo e os alegres anos que pasei no IGI na compaña de Isaac e os meus
compañeiros/amigos de traballo. Creo que xa non é cedo para acometer este tipo
de tarefas. De milagre sería que algunhas persoas, influenciadas pola admiración,
ese sentimento moral e virtude que non abonda neste tempo tan alentador da
mediocridade como ideal, acordasen imitar a aquel home que, a pesar de ser un profundo
escéptico e descrido, nunca deixou de traballar pola cultura desde a autonomía
persoal, a xenerosidade e a liberdade. Falta fan.
Comentarios
Publicar un comentario