Uns zocos para Isaac... por Elena Ferro

Zocos de Elena Ferro

"Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa...". Velaquí as verbas coas que comeza o máis grande dos "best sellers" galegos, Memorias dun neno labrego, escrito por Xosé Neira Vilas e a piques de cumprir os sesenta anos da súa primeira edición. A obra, que vén ao mundo dende Arxentina, leva cuberta de Luís Seoane, o eterno amigo de Isaac Díaz Pardo; mais este tamén colabora con ilustracións interiores en edicións sucesivas. Unha das máis relevantes é aquela na que se ve un meniño -Balbino- cos pés espidos, afalando as vacas e á mesma altura cós animais, sen superioridades entre a natureza e o humano... Esta imaxe, para nós universal, é unha das que escolle a artesá e artista Elena Ferro para representar nuns zocos e conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. 

Porque Elena Ferro soubo recoller o legado da tradición, dos vellos oficios, dos oficios non hai tanto denostados e repensalos dende a modernidade. Porque ela, filla das terras do Deza, gustou de continuar na elaboración dos zocos (e agora tamén de máis produtos) para seren concibidos, hogano, como unha prenda de total vangarda, con cores vivas, con fitas asedadas, con estampados faiscantes... Dun elemento humilde crea unha peza valorada, xusto como acontece con Memorias dun neno labrego. Unha obra popular convértese no libro máis universal da literatura galega contemporánea. Algo nos recorda isto a Sargadelos: obxectos cotiás mudan para seren obras da arte cerámica, fanchenda de país e orgullo no interior das casas. As tendas desa empresa de Isaac foron abrindo por diversos recunchos do país e tamén de Europa. A Elena Ferro... pásalle algo semellante: fai país coas súas mans!

E seguimos con Balbino: "A noite caeu e de súpeto sobor do agro. Barullaban os grilos e as ras. Espreguiceime. Puxen os zocos e, vagoroso, fun indo leiras arriba...".

Beizóns, arte e "pegadas" de calidade!!



Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Loli Suárez e un café con Isaac

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!