Un acrílico de Xoán Cerviño para Isaac Díaz Pardo
Xoán Cerviño, natural da Estrada, é licenciado en Belas Artes e diplomado en enfermaría. Bolseiro en Londres, coñece os mellores museos desa cidade, as súas galarías e -de paso- enchoupase de paixasismo e da corrente artística Land Art. Certamente ese amor pola paisaxe igual lle procede da observación das ribeiras do Ulla, da contorna de Couso, onde ás veces os torrados son fantásticos, os verdes clorofílicos e as mazás recenden a un mundo natural...
As súas inquedanzas teñen que ver, asemande, coa arte e a filosofía... Pensemos que en moitas ocasións é máis complicado enxergar unha obra ca executala tecnicamente, concibila dende un pensamento crítico (incluso filosófico) para logo ter algo máis ca estética, senón incluso contidos e metalinguaxes...
As obras de Cerviño fican en diversas coleccións públicas e privadas: na Kingston University (Londres), CGAC de Santiago de Compostela, na Deputación de Pontevedra e en fondos de varias entidades bancarias e sociedades mercantís...
Cando o chamo do Alento Esbravexo gabeou até os seus ouvidos, logo de cruzar as augas do Ulla, Xoán Cerviño gustou de elaborar ad hoc unha obra para conmemorar a nacenza de Isaac. Trátase dun abstracto, en acrílico sobre tea de 50 por 60 centímetros, baseado no cromatismo das pezas de Sargadelos, onde as formas e siluetas só se manifestan de xeito insinuantes, como se se tratar de vaixelas fendidas "que se xuntan a modo de puzle. Achegarse á obra e á vida de Isaac Díaz Pardo supón un abano de posibilidades creativas", conclúe o artista estradés.
Ben haxa, prezado Xoán... Saúde e cor nas vidas de todas/os!
Peza de Xoán Cerviño en conmemoración do centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo |
Eu quero ver o país na túa pintura: as cores das cerámicas, as casas dos avós, a cova na que agacharse temporalmente ou para sempre, as aldeas petroglifos, os montes redondeados e á nosa medida, os mil ríos que atravesan a xeografía, os vales e o mar no horizonte.
ResponderEliminar