Che Tembra e Isaac Díaz Pardo
![]() |
Peza de Che Tembra |
Polo San Lourenzo de 2010 remátase este par de pezas escultóricas traballadas polo artista rianxeiro Che Tembra. Ambas están elaboradas en ferro e madeira, mais a que se realizou en salgueiro ten unhas dimensións de 67 por 63 centímentros en longo e alto, respectivamente, e lembra abofé a aquelas maternidades que Isaac Díaz Pardo deseña en varias ocasións.
![]() |
Obras de Isaac Díaz Pardo |
Segundo o autor: "quixen facer estas pezas baseándome nas de Díaz Pardo, porque me atrae a súa creatividade e a súa loita por Galiza, igual que a de Castelao".
A outra obra, coas mesmas influencias plásticas e con soporte de madeira de castiñeiro, mide 30 por 50 centímetros de longo e alto. Che Tembra indica que leva un texto que reza así: "Non lle poñades atrancos ao neno mentres está medrando".Tal afirmación fíxoo caer na conta daqueloutras palabras que escribira un seu conterráneo, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, para o Album Nós (1931). O autor de Sempre en Galiza advertía:
"Non lle poñades chasta á obra namentras non se remata. O que pense que vai mal que traballe n'ela: hay sitio para todos".
Che Tembra, lúcido en ideas e palabras, e lucido en obras sentenza: "a min paréceme que construír a nación é un traballo no que todos facemos falla".
Beizóns, saúde e moita poesía na arte!
Comentarios
Publicar un comentario