Carmen Blanco, Isaac e a Memoria
Unha das voces máis acreditadas no panorama literario galego é a de Carmen Blanco. Ela, feminista e escritora, destaca nos eidos poético, narrativo e ensaístico, sendo unha profunda coñecedora da obra de Luz Pozo Garza, María Mariño, Ricardo Carvalho Calero e Uxío Novoneyra, entre outras persoas das nosas letras.
Do seu inmenso currículo queremos subliñar a fundación en 2005, xunto con Claudio Rodríguez Fer, da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. Alén diso, formou parte do Consello da Memoria e foi galardoada co Premio Galiza Martir (2014) da Fundación Alexandre Bóveda.
Para colaborar co Alento Esbravexo na homenaxe que se lle rende a Isaac Díaz Pardo, Carmen entrega un fermoso poema visual que publicamos en liñas sucesivas. Porén, vén acompañado dunha fermosa carta que, de xeito fragmentario, publicamos aquí por mor do interese que pode suscitar e a boa axuda que nos presta para comprender a citada peza lírico-visual. O escrito di así:
"Boa tarde. Por suposto, Isaac foi un activista, intelectual, artista, técnico, inventor e creador de vangarda integral e un sabio, como Miguel Anxo en moitos aspectos.
Achego o
bocexo e (...) o meu poema visual dedicado a este moi querido e admirado
amigo fraternal noso, de Claudio e meu, con quen tanto temos colaborado
especialmente na recuperación da memoria e do exilio.
Apertas
solidarias pola mellor memoria de Isaac Díaz Pardo,
Contén o esbozo que fixo para publicar na revista Unión Libre 9 dedicada á Memoria antifascista de Galicia, que coordino con Claudio Rodríguez Fer, do seu magnífico Monumento aos inmolados, erguido na cidade da Coruña fronte á crueldade do mar da morte inxusta pola súa memoria amorosa da vida xusta. Chameino por teléfono para pedirlle o deseño do monumento, dixo que non o tiña pero que o faría e enviou por carta en papel do Laboratorio de Formas ese bocexo a lapis asinado en tinta azul. Na relación fraternal solidaria que compartimos el sempre dixo SI ao compromiso coa memoria amorosa da liberdade e eu sempre dixen SI. E na memoria da mellor arte de vangarda integral estará sempre a beleza do seu SI pintado nas pedras da Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela en 1936."
Beizóns, saúde, poesía e memoria! Velaquí o poema visual de Carmen Blanco.
ResponderEliminarFelicitaciones Carmen. Excelente el trabajo. Que el 2021 sea mejor y podamos vivir momentos agradables.
Un fuerte abrazo para ti y Claudio de Eduardo y mío.