Subimos con Fernando Rodríguez e Bandín na Nave Espacial de Isaac

Detalle de Soñador (obra de Bandín - BND)

O texto é ben imaxinativo, ao igual cas explicacións sobre a imaxe que o acompaña. O primeiro resulta ser da autoría de Fernando Rodríguez Gómez e na estampa -de Bandín, BND- recréase a faciana de Isaac Díaz Pardo ao tempo que se reinterpreta a nave espacial que este creara noutro tempo. 

A nave espacial (autor: Isaac Díaz Pardo)
Sen dúbida a caricatura maniféstase cun brillo especial, pois alén de estar confeccionada con pigmentos acuarelados, estes de xeito cíclico -case turbulento- deseñan o rostro do "Señor de Sargadelos". Toda esa simboloxía ancentral empregada na súa cerámica conecta a Isaac coa petróglifos, cos celtas e incluso a arte románica... Espirais dextróxiras e levóxiras, rosetas e trísceles, xeometrías angulares e un mar de acuarela deixan ver aqueles ollos grandes en forma de peixe. 

Isto grazas a Bandín, mais os parágrafos de reflexión, crítica e fantasía non son indignos para nada dunha ovación. O aplauso sae expontáneo logo de lelos e comprendelos nas múltiples interpretacións... Por iso convidámosvos a unha segunda e terceira lecturas, xa veredes cantos nutrientes extraemos de toda esa linguaxe certeira.


Así se definen os autodefinen os autores:

"Ser, somos ninguén. Dos ninguén dos que fala Galeano. Criámonos nas beiras do río Ulla. Cada un na súa. Durante un tempo remabamos en dornas diferentes e iamos ás veces a favor da corrente e outras en contra. Nalgunhas ocasións a través. Pero é moi complicado ir a través e con frecuencia ficabamos en lugares diferentes daqueles aos que o noso desexo quería ir.
Sen saber cando nen como, atopámonos na mesma embarcación ou tan xuntas que parecía a mesma, e nela sacamos adiante, cada un co seu remo, tres libros: Pasaportes, Camiños e El tiempo todo locura e bastantes outras cousas que non veñen a conto.
—Esquecín algún?
—Paréceme que non!
—Pois sigo.

Na actualidade (sexa iso o que sexa), ás veces imos na mesma vella dorna e ás veces cada un como pode e por onde pode —non hai moito por onde ir, non vaiades pensar—. O caso é que a maioría das cousas que facemos van polo río abaixo —sen ánimo de contaminar— e temos a esperanza ou a inercia de que quizais cheguen a algunha parte e teñan algunha utilidade para alguén, ou non, que máis ten!

Bandín (Carcacía - Padrón): debuxa, pinta e raña a cabeza.

Fernando (Pontecesures): escribe, produce, imaxina e dá paseos".

Agradecidos ficamos, dende o Alento Esbravexo, por contribución tan faiscante.

Beizóns a Fernando e a Bandín! Velaquí fica o texto, elaborado por Fernando, titulado Soñador.


SOÑADOR

"A nave espacial é unha obra singular na traxectoria pictórica de Díaz Pardo. Os autores, lonxe de pretender reinterpretar ou explicar esa pintura, fantaseamos con ela imaxinándoa como unha arca posible. Unha arca na que a xente de abaixo, as linguas e culturas en perigo, e todas e todos aqueles que non sabemos cara a onde imos, atopamos nesa nave un espazo no que refuxiarnos, respirar ou fuxir.

Porén, nesta altura do primeiro cuarto do século XXI, o ruxe ruxe fálanos de ameazas, de sospeitas, de incertidumes e de confusos tecnofuturos. Quizais de naufraxios...

Quen sabe se estaremos a salvo".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Loli Suárez e un café con Isaac

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!