Recibe Isaac un aloumiño mandado por Kukas
![]() |
Mariscando chapapote (autor: Kukas - Marcelino de Santiago) |
Compostelán de nacenza e polífacético creador é Marcelino de Santiago Viqueira - Kukas. As súas actividades encarreiran polos vieiros das artes escénicas, a literatura, a música, a escultura, a fotografía e a pintura. Non son poucos os recoñecementos que ten obtido, polo que debemos sinalar cando menos tres deles: Premio Compostela á mellor escenografía por Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño (1993); Mención de honra polo seu labor no teatro de bonecos do Centro Municipal de las Artes de los Títeres de Bilbao (1997); e o María Casares á mellor escenografía pola obra O Cránio Furado, dirixida por Quico Cadaval (2011).
Cóntanse por ducias as súas exposicións pictóricas, e non menos as do eido fotográfico... Se ben moitas e moitos de nós coñecerémolo polas míticas portadas para discos de Milladoiro, Faíscas do Xiabre... e algúns cartaces do Centro Dramático Galego.
Sen dúbida, un portento está cabo desta homenaxe multitudinaria e virtual que desenvolvemos, dende o Alento Esbravexo, para honrar a un fillo da Galiza: Isaac Díaz Pardo. Por iso, é boa honra contar con Kukas, que desta volta entréganos dúas mandas nun mesmo envío, unha totalmente lírica e outra plástica. A primeira procede do libro titulado Versos para pintar ao abrente; a segunda leva por rótulo Mariscando chapapote (que foi elaborada en acrílico, sobre lenzo, cunhas dimensións de 162 por 130 centímetros en longo e alto, respectivamente)
Ben haxa, caro Marcelino... Saúde e Arte!
Debuxando
no maxín
a
faciana de porcelana e alabastro,
o
corpo de bágoas das sereas
e
un sorriso de perlas oceánicas.
A
escuma na beiramar
deixa
súa pegada salgada
coma
un velo de noiva
sobre
as algas espalladas a eito.
As
rochas, siluetas de almas,
se
deitan espidas ao ar
mentres
unha gaivota
acouga
sobre seu corpo
contemplando
como o sol
copula
senlleiro coa alborada.
De
VERSOS PARA PINTAR AO ABRENTE - Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas)
Maestro, sempre contigo, admiración e, como dirías ti, espanto...
ResponderEliminar