Recibe Isaac un aloumiño mandado por Kukas

Mariscando chapapote (autor: Kukas - Marcelino de Santiago)

Compostelán de nacenza e polífacético creador é Marcelino de Santiago Viqueira - Kukas. As súas actividades encarreiran polos vieiros das artes escénicas, a literatura, a música, a escultura, a fotografía e a pintura. Non son poucos os recoñecementos que ten obtido, polo que debemos sinalar cando menos tres deles: Premio Compostela á mellor escenografía por Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño (1993); Mención de honra polo seu labor no teatro de bonecos do Centro Municipal de las Artes de los Títeres de Bilbao (1997); e o María Casares á mellor escenografía pola obra O Cránio Furado, dirixida por Quico Cadaval (2011).

Cóntanse por ducias as súas exposicións pictóricas, e non menos as do eido fotográfico... Se ben moitas e moitos de nós coñecerémolo polas míticas portadas para discos de Milladoiro, Faíscas do Xiabre... e algúns cartaces do Centro Dramático Galego. 

Sen dúbida, un portento está cabo desta homenaxe multitudinaria e virtual que desenvolvemos, dende o Alento Esbravexo, para honrar a un fillo da Galiza: Isaac Díaz Pardo. Por iso, é boa honra contar con Kukas, que desta volta entréganos dúas mandas nun mesmo envío, unha totalmente lírica e outra plástica. A primeira procede do libro titulado Versos para pintar ao abrente; a segunda leva por rótulo Mariscando chapapote (que foi elaborada en acrílico, sobre lenzo, cunhas dimensións de 162 por 130 centímetros en longo e alto, respectivamente)

Ben haxa, caro Marcelino... Saúde e Arte!


Debuxando no maxín

a faciana de porcelana e alabastro,

o corpo de bágoas das sereas

e un sorriso de perlas oceánicas.

 

A escuma na beiramar

deixa súa pegada salgada

coma un velo de noiva

sobre as algas espalladas a eito.                               

 

As rochas, siluetas de almas,

se deitan espidas ao ar

mentres unha gaivota

acouga sobre seu corpo

contemplando como o sol

copula senlleiro coa alborada.

 

De VERSOS PARA PINTAR AO ABRENTE -  Marcelino de Santiago Viqueira (Kukas)


Comentarios

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Xoán Andrade, Isaac Díaz Pardo e o Laboratorio de Formas

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños