Mercedes Espiño... con Díaz Pardo, Díaz Baliño e Ánxel Casal


A de Mercedes Espiño Amil é unha manda que gusta de amosarnos a vida da familia Díaz-Pardo, naquela Compostela dos anos vinte e posteriores, naquela urbe que ferve coas Irmanadades da Fala, coas artes plásticas, cos cadros de declamación, co rebulir do alumnado da Universidade e Seminario de Estudos Galegos (coa vista posta no país)... E así a autora deste fermoso texto percorre os ambientes composteláns daquel entón ao tempo que peta nas portas de cada unha das vivendas dese fogar de artistas...

Mercedes amais de ter sido profesora de lingua e literatura, é unha persoa tremendamente interesada nas figuras de tres grandes da cultura nacional: Camilo Díaz Baliño, Ánxel Casal e Isaac Díaz Pardo. Resultado disto son os seus roteiros literarios por unha Compostela cuxas fragrancias nos fan sentir as Irmandades, o Estatuto de Autonomía, a editorial Nós (oxalá tamén a vitoria de Niké)...

En verbas de Mercedes, a súa manda -titulada "O Paraíso Perdido do Isaac"- baséase en diversos documentos e "pretende aclarar algúns dos datos relacionados cos enderezos que habitaron en Compostela estes tres persoeiros, Camilo, Casal e Isaac, e que aparecen mestrurados en moitas das publicacións. Tamén se pretende facer unha homenaxe a aqueles anos da infancia e da adolescencia de Isaac en que pensaron que un mundo mellor era posíbel".


Saúde, beizóns... e velaquí queda un estracto das investigacións desta autora. Para lelas na súa integridade só tes que premer a icona do Alento Esbravexo.


O PARAÍSO PERDIDO DO ISAAC

Non teño recordo do ano 20 no que nascín nesa casa, mais do ano 24 xa teño algunha lembranza desdebuxada: na Senra tomabamos un autocar, que se acendía a manivela, para ir a coller o tren a Madrid, en Curtis. [...] Na horta fixérase un galpón de madeira que servía de taller de escenografía e de propaganda da Empresa Fraga. Recordo as máquinas dun primitivo taller de offset (“impresión”) con volante movido a man, e a prensa de insolar (“máquina que serve para transferir a imaxe do fotolito á forma impresora mediante procesos fotoquímicos”). [...] Meu pai instalábase en Santiago da man do seu amigo, o meu padriño, Isaac Fraga, para montar un centro da Empresa Fraga. Mais tamén viña da Coruña como Conselleiro 1º das Irmandades da Fala, e así recordo que a aquela casa chegaba moita xente que, logo, por cartas e documentos que fun recollendo en recunchos, souben da súa importancia. [...] Das reunións que se celebraban na miña casa souben máis por Fraguas e Filgueira que por meu recordo
Mais gardo testemuños epistolares de que por alí estiveron Castelao, Pedrayo, Picallo, Cabanillas, Teixeiro, Casal, Bouza, F. Blanco, Abelleira, os Carré, Sebastián González García-Paz, Bodaño, Osorio-Tafall, Bóveda, Víctor Casas, Núñez Búa, Paz-Andrade, Cotarelo... ademais dunha manchea de artistas, arquitectos, clérigos, frades, deáns e arcebispos. Por estas datas creábase o Seminario de Estudos Galegos, no que estaba meu pai. Eran tempos nos que se formaba o espírito do novo galeguismo.

Isaac Díaz Pardo (4 de setembro de 2000): 
Hai 80 anos na Casa da Tumbona. La Voz de Galicia.

ISAAC, 1920: RÚA DAS HORTAS, Nº 37. SANTIAGO DE COMPOSTELA

García Bodaño e Camilo Díaz Baliño
(caricaturas de Antón Crestar - revista Céltiga)
A 21 de agosto de 1920 na “Casa da Tumbona”, o número 37 da rúa das Hortas, nace Isaac Díaz Pardo. O seu pai, Camilo Díaz Baliño, traballaba para a empresa de espectáculos Fraga, cuxo dono, Isaac Fraga Penedo, foi quen de traer a Camilo e familia desde A Coruña para Compostela. Xefe e amigo, apadriña o noso rapaz e déixalle o nome en herdo. Consonte á certificación emitida por José Goyanes Meneses, director facultativo do departamento de Obras Provinciais da Deputación da Coruña, Camilo Díaz Baliño deixou de exercer como delineante a 17 de xullo de 1920 “en que le fué admitida la renuncia por la Comisión provincial”. Por tanto é moi probábel que o traslado da Coruña a Santiago se fixese entre o mes de xullo e o mes de agosto de 1920, moi pouco antes de nacer Isaac na casa da Tumbona. O verán de 1920 brindoulle á familia dos Díaz Pardo unha nova cidade (Compostela), un novo traballo (escenógrafo), unha nova casa (a Tumbona) e un novo fillo (Isaac). 

Cando Isaac vén ao mundo no primeiro andar desta casa, a familia está composta polo pai, Camilo, a nai, Antonia Pardo, e unha irmá, coñecida como Chita, cuxo nome era Mercedes, afillada da muller de Isaac Fraga, de quen recibiu o nome. Outra irmá, María del Milagro Antonia, á que chamaban Cuca, con seis anos de idade, morrera no ano 1917. No baixo do nº 37 das Hortas, reúnense membros das Irmandades da Fala, das que Camilo era delegado en Santiago, que propoñen e realizan diversas actividades artísticas e culturais en Compostela. No taller de litografía deste baixo imprímense cartaces e anuncios para seren distribuídos pola Empresa Fraga nos cines e teatros, e tamén o semanario Luz, órgano publicitario da mesma empresa. Na horta da casa, constrúese un galpón de madeira, o obradoiro de escenografía, onde Camilo con varios operarios elaboraba os decorados das representacións teatrais. No xornal El Compostelano de data 26 de agosto de 1920 aparece no apartado do “Registro Civil”: “Nacimientos: Isaac Jaime Díaz Pardo”. É a primeira referencia da prensa ao pequeno Isaac.

                                                                                    (...) 


Mercedes Espiño

Preme aquí para ler máis

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

Araceli Guillán, Isaac Díaz Pardo, as ilustracións e os meigallos