De César Cequeliños e Jorge Campos... para Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo (obra de Jorge Campos)

O Atlas da Galicia Pequeniña é unha obra ben coñecida de César Cequeliños e Jorge Campos. Esta, recomendada para cativos e cativas do noso país (ou doutros países tamén), procura amosar todos aqueles pequenos universos que collen nun mundo chamado Galiza. Por iso hai espazos para a historia, recunchos para a xeografía, escondedoiros nos que habitan feitos antropolóxicos (todos con certo halo de lenda) e peañas nas que se subliñan persoas que foron quen de erguer (ou soster) as trabes da nosa identidade... E entre elas, entre esas figuras poderosas (de mulleres e homes), despunta xunto con outras a de Isaac Díaz Pardo. 

Cequeliños e Campos, que recolleron a chamada do Alento Esbravexo, facilítannos a seguinte manda, ao tempo que entregan en agasalloa imaxe que elaboraron de Isaac Díaz Pardo e que aparece reproducida no Atlas da Galicia Pequeniña.

Beizóns, saúde e moita arte!


Isaac Díaz Pardo gañou por méritos propios formar parte da historia dos bos e xenerosos. A súa traxectoria persoal e profesional son exemplo para as xeracións seguintes de galegos e galegas que pensamos, canda Vicente Risco, que Galicia non é pequena para nada, que Galiza é todo un mundo.

Ese exemplo faise aínda máis notorio para aqueles que nos dedicamos a tarefas vinculadas coa industria cultural. Isaac Díaz Pardo foi o gran promotor desa industria na Galicia do século XX. Velaí o seu traballo en Sargadelos e en Ediciós do Castro, os seus intentos de que houbese no país prensa editada en galego, o seu apoio á consolidación, económica e simbólica, da sociedade civil galega consciente de si e orgullosa do seu patrimonio e legado, tanto aquel que se pode palpar como aquel que reside no inmaterial.

Isaac Díaz Pardo foi quen de crear produtos inequivocamente galegos e dotados dunha brillante estética que espertaban admiración aló onde chegaban. O seu traballo en Sargadelos logrou unha metáfora perfecta do galeguismo ideal: naquelas pezas, en cada unha delas, os galegos que as mercaban, que as lucían na súa vida cotiá ou que as regalaban, levaban un anaquiño de fachenda polo propio, un resumo perfecto do pouso do tempo sobre o territorio dos galegos. Naquelas cerámicas non só estaban as pegadas do artista que as modelara, sentíanse os dedos, a saliva e a suor dun empeño colectivo en ser, en existir, testana esencia que se arrepuxo ás derrotas e traxedias amosando gran capacidade de resistencia, innovación e capacidade de imaxinar. Así tal como as pezas que deseñaba era o propio Isaac Díaz Pardo. Se o tivese diante só me gustaría contarlle que sempre será o meu mestre e guía, exemplo e fortaleza para continuar a marcha.

César Cequeliños

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños