Alfonso Costa, dende o Alento Esbravexo, e para Isaac Díaz Pardo
Estuda na Escola de Artes e Oficios na Llotja de Barcelona, está entre os fundadores do Foro Cultura Solidaria Galega e, en 1972, obten unha bolsa da Fundación March para estudar en Florencia. As súas mostras percorreron, ademais de Galiza (o seu país natal, pois é natural de Noia), diversas cidades de Alemaña, Suíza, Francia, Portugal, Bélxica, Cuba, Estados Unidos, Arxentina e México, entres outros estados. Se vos damos unha outra pista igual adiviñades de que artista se trata: realizou varios cartafoles de augafortes, un para a Longa noite de Pedra de Celso Emilio Ferreiro; outro para Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño e incluso para Paisaxe de baleiro, con poemas de Eva Veiga.
Efectivamente, estamos perante o noiés Alfonso Costa, un dos nomes máis singulares das artes plásticas deste país. Velaí os seus recoñecementos nacionais e internacionais, alén de ter moitas obras distribuídas en museos e coleccións públicas de todo o mundo. Porque a obra de Alfonso destaca dende o lenzo até o mural. En relación a isto último veñena nós aquelas pinturas murais do Instituo Frenopático e Penitenciaría de Xóvenes de Barcelona, o Instituto da Virxe do Mar de Noia, esoutro que fica na Casa da Cultura de Porto do Son, o do Instituto Xelmírez de Compostela.
Por iso sentímonos moi honrados, co Alento ben esbravexo, por ter aceptado este autor o noso convite, se ben coidamos que homenaxear a Isaac Díaz Pardo non ofrece moitos motivos de excusa. Beizóns por iso e, en particular, pola obra que nos entregas: Espertar das formas.
Espertar das formas - Acrílico sobre táboa - 60 por 80 centímestros - Ano 2020 (autor: Alfonso Costa) |
Comentarios
Publicar un comentario