 |
Mimina debuxada por Isaac Díaz Pardo nos seus anos mozos
|
Xosé Díaz achega un texto fermosísimo no que lle dá voz e presenza á eterna compañeira de Isaac, Mimina, persoa tamén formada en artes mais sempre ao carón do seu marido, nos bos e nos malos momentos. Porque eles -pais de Camilo, Rosendo e Xosé Díaz- deben ser tidos en conta no seu conxunto e asemade en particular, na unidade e no persoal de cadaquén.
Desta volta dende o Alento Esbravexo non imos comentar o texto, pois este xa todo o ofrece. É preferíbel entregarlle directamente a palabra a Xosé Díaz para que informe con minucioso detalle.
Iso si, non queremos desaproveitar a ocasión para lle agradecer -con sinceridade- tres aspectos: en primeiro lugar que gustase de colaborar co documento textual que abaixo se reproduce así como con esoutros gráficos (debuxo e fotografía) que acompañan as súas palabras; en segundo termo, que tivese a ben querer contar connosco, co Alento Esbravexo, para homenaxear a persoa tan excepcional como foi Isaac Díaz Pardo; e por último, por entregar tan emotivas e imprescindíbeis reflexións co obxecto de rescatar a imaxe doutra persoa non menos necesaria, Mimina.
Beizóns e Memoria!!
MIMINA, A
MULLER DE ISAAC DÍAZ PARDO
 |
Mimina e Isaac (Sada 1944)
|
Foi a eterna
compañeira de Isaac, nas boas e nas malas, a cuxa causa se entregou en corpo e
alma. E colaboradora e sostén de moitos dos proxectos do seu home. Nacera en
1921 na Coruña e principiou a estudar pintura no obradoiro da cidade vella
coruñesa de Lolita Díaz Baliño, coa que traballou como axudante nas súas clases
na Escola de Artes e Oficios coruñesa. No obradoiro de Lolita coñece ao seu
sobriño, un tal Isaac Díaz Pardo que debuxaba e pintaba coma un mestre do
renacemento. Isaac axiña se vai a Madrid onte fai Belas Artes e comeza unha
carreira exitosa de pintor. Por influenza de Lolita, Mimina comeza a estudar a
carreira de Belas Artes en Madrid. Era unha moza que tiña, tamén, enormes
aptitudes para a pintura que, máis adiante, serán dunha gran axuda para os
proxectos de Isaac. En Madrid —estamos a falar dos primeiros anos coarenta—,
como xa apuntamos, está o seu mozo, e o pai da aspirante a pintora non ve con
bos ollos que estean xuntos tan lonxe, de maneira que deciden casarse para
poder emprender o camiño sen impedimentos. Isto ocorre en 1945 e tres anos máis
tarde deciden instalarse en O Castro de Samoedo, no concello de Sada, para
iniciar a aventura cerámica de todos coñecida, que continuaría na Arxentina nos
anos cincuenta e en Sargadelos, a partir dos anos sesenta. Foi nestes
emprendimentos industriais e culturais onde o labor de Mimina foi fundamental,
pois tanto aquí como no outro lado do Atlántico, foi ela a que organizou e puxo
a andar os obradoiros de decoración das fábricas de porcelana. En Sargadelos
creou Mimina, xunto coa súa nora María Ripoll, o obradoiro de xoiería, que se
coverteu nunha exitosa sección que contribuíu a aumentar o prestixio da
cerámica da Mariña luguesa, e que continuaria ata despois da súa morte en 2013,
poucos meses despois da desaparición do seu home. Non se entende a vida e a
obra de Isaac sen a colaboración da súa esposa, nas duras e nas maduras, pois
foron moitos os avatares que xuntos lograron superar, e moitos os esforzo,
renuncias e xenerosidade para que os múltiples proxectos de Isaac chegaran a
bon fin. Mimina sacrificou moitas das súas capacidades e talentos artísticos
para axudar á materialización dun proxecto único no panorama galego do século
XX, non só polo que xa apuntamos como artífice dos obradoiros de decoración e
xoiería, senón por toda a súa labor titánica para conservar a memoria do seu
home, arquivando e documentando todo labor de aquel mociño cheo de inquedanza,
vontade e compromiso que coñecera nun obradoiro de pintura coruñés da cidade
vella, onde deu comezo esta historia que hoxe lembramos nestas cativas, pero
emotivas, liñas.
Xosé Díaz
Fermoso texto, para unha historia máis fermosa aínda.
ResponderEliminarAgrademendo a Mimina, e con ela ao resto das mulleres que apuntalaron o proxecto do Laboratorio de Formas, Sargadelos, O Castro...