Para Isaac, unhas palabras de Carmen Sánchez Camino
Carmen Sánchez Camino e Isaac Díaz Pardo |
Mais palabras coma as de Carmen Sánchez serven para ter presente o valor daquelas persoas que se entregaron en corpo e alma (nunca mellor dito!) a un proxecto, xa non tanto empresarial, editorial ou cultural... Porque o proxecto de Isaac, todo el, chamouse Galiza!
Ben haxa, Carme... Ben haxa.
Velaquí as lembranzas.
Isaac sempre en loita permanente para que saisen á luz e brillasen con luz propia, na historia do silencio, a xeración dos esquencidos e silenciados…
Este home de imaxe fráxil, da que saía fortaleza para emprender e comprometerse traballando activamente, pero tamén esa capacidade terapéutica de perdoar para sobrevivir… Mostrándosenos un home humilde, discreto, xeneroso, comprometido e traballando de cote…
Con esta traxectoria vital, artística, empresarial e de servizo ao país, expúlsaselle da súa creación e da súa casa…
Ante esta tropelía, máis de 900 persoas de diferentes ámbitos, a principios de decembro do 2007 (como recolleron algúns medios de comunicación neste momento) dirixímonos ás mentes empresariais e intelectuais galegas co escrito "SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES" clamando ante a inxustiza que se estaba levando a cabo con Isaac e coa memoria cultural de Galicia…
Aquel silencio social colectivo conviviu coa amargura e o calvario que foron os últimos anos da súa vida…
E…, a nivel persoal, lembrareino sempre, coa familiaridade coa que me trataba por ser veciña da súa querida rúa das Hortas e por preguntarme sempre como se atopaba meu pai, os dous eran da mesma idade…
Un día á saída de Correos, neses encontros habituais nas rúas "Don Isaac, este é meu pai", ao que respondeu "será da mesma idade, pero vostede está feito un mozo…" Ao marchar (Don Isaac sempre andaba á presa) meu pai díxome: "E… este é o home que fixo tanto por Galicia?, pois non se dá ningunha importancia…, será por eso, polo que non o respectaban…?"
Co debido respecto, o merecido recoñecemento e infinito agradecemento, permanecerá na memoria e nas escasas páxinas gloriosas da nosa Historia…
En Compostela no agosto do 2020
Carmen Sánchez Camino
Comentarios
Publicar un comentario