Mario Paz, dende A Voz de Vilalba, entrega unha manda para Isaac

Isaac, Chairego de Honra (foto de Paulo Naseiro)

Dende A Voz de Vilalba chega un texto de memoria e aloumiños elaborado por Mario Paz González, compostelán de nacenza e profesor de ensino secundario en terras de Castela e León. Autor de varios libros, colabora con diversos medios e xa con once anos aparece entre os editores d'A Voz de Vilalba.

Isaac Díaz Pardo (acrílico
sobre táboa de Paco Díaz)
A manda que nos fai chegar lanzárase dende ese medio e igualmente en Galicia Dixital por xuño de 2011, e en El Progreso por outubro dese ano. A súa intención era dar a coñecer a distinción de "Chairego de Honra" que a Isaac Díaz Pardo lle concederan, o 7 de novembro de 2009, a Asociación Xermolos e a Fundación Manuel María. 

En verbas de Mario Paz, os actos tiveron lugar na capela de San Alberte de Guitiriz, e participaron "Martiño Noriega, Andrés Varela, Ramón Villares, Carme Blanco, Felipe Senén, Xosé Ramón Fandiño, Mini e Mero e o gaiteiro Raúl Galego".

Velaquí un artigo que cómpre ter presente na biografía deste bo e xeneroso, velaquí un texto elaborado dende as fontes do amor e a admiración.

Ben haxa, Mario...

Chairego de Honra

A primeira vez que vin a Isaac Díaz Pardo en persoa foi nunha excursión nos anos de estudante ás Cerámicas do Castro, en Sada. Gardo unha imaxe un tanto vaga do que vimos aquela tarde, aínda que si recordo con gran claridade a figura dun home pequeno, que semellaba saído dun pasado xa afastado, coa súa elegancia austera, a súa fronte alta e o pergamiño da pel do rostro asucado por lenes engurras verticais. Houbo un intre, ao final da visita, no que o noso cicerone presentouno á concorrencia facendo unha loubanza do personaxe, do seu labor cultural e da súa grandeza humana. Mentres debullaba o seu discurso enfervorizado con voz impoñente, Díaz Pardo ficaba quedo ao seu lado, en silencio, paciente, cunha escoita concentrada, aínda que acompañada dun xesto de educada cortesía. De cando en vez, dirixía unha mirada curiosa ao auditorio de estudantes que alí nos atopabamos. Se cadra, pensei entón, como procurando evasión, coma se todo aquilo o excedese un pouco. Debía de andar ao redor dos setenta e pico anos e, aínda que se lle vía dotado da tensa enerxía que aínda hoxe o caracteriza, asomaba xa nel a fraxilidade que vin lixeiramente acentuada en imaxes máis recentes, agora que rolda a novena década de existencia.

A súa traxectoria vital e artística é, dalgún xeito, o reflexo sintetizado do século (dos dous séculos) que lle ten tocado vivir. Tratar de resumila é tarefa va pero necesaria. Compostelán de nacemento, fillo do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño, marcou a súa infancia o contacto con algúns dos intelectuais máis prestixiosos do momento: Castelao, Otero Pedrayo, Cabanillas, Risco… Tamén a traxedia, co asasinato do pai no 36, a fuxida á Coruña –onde o seu tío Indalecio agóchao seis meses nun piso da praza de Pontevedra– e a morte da nai en 1938. Quizais desa época quedoulle unha certa saudade esculpida na mirada profunda e serena. Lobo da guerra, os estudos de Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid, as primeiras exposicións, unha bolsa en Italia, en 1942, e unha viaxe a Bos Aires, en 1955, onde contacta con algúns integrantes da marea de intelectuais exiliados que fuxiran dun país no que, logo da contenda, facíase imposible vivir. Xunto a aquela diáspora vai continuar o seu labor artístico, intelectual e emprendedor. Con Luís Seone e outros funda en1963 o Laboratorio de Formas, desde o que xorden novos proxectos a ambos os dous lados do Atlántico, entre eles o Complexo Industrial Sargadelos e Ediciós do Castro. Malia a súa incesante actividade, non podo deixar de preguntarme como serían para el e outros os anos seguintes, o regreso definitivo tras o fin da ditadura e os primeiros anos da democracia, se sentirían que xa non tiñan espazo nun mundo de cambiantes urxencias, construído sobre ese porvir tanto tempo ansiado. Hai anos lin unhas declaracións súas nas que lamentaba que ningunha institución se ocupase do Laboratorio de Formas e que a memoria do seu labor se dispersase ata desaparecer. Noutra entrevista, ao preguntarlle polos plans de futuro, respondía lacónicamente: “Morrer”.

Con todo, desde hai certo tempo, as homenaxes e recoñecementos non cesaron. Probablemente algúns daranlle a tranquilidade pola teima coa que ten loitado: hai cousa dun ano sóubose que a Fundación Seminario de Estudos Galegos ía ocuparse do seu legado. Agora, baixo o sol que nos doa este outono ben temperado, o sábado 7 de novembro recibe na Terra Chá –esa bisbarra que o mestre Cunqueiro equiparaba ao condado de Orleáns– un recoñecemento non menor que outros. A Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, e da Fundación Manuel María concederanlle o título de “Chairego de honra”, que xa ostentan personaxes tan senlleiros como Avelino Pousa Antelo, Paco Martín, Ramón Villares ou Marica Campo. Coma todos eles, teno máis que merecido polo seu incesante e sempre luminoso traballo. Noraboa pois.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños