Manuel Seoane Trasande entrega unha para Isaac

Isaac Díaz Pardo (autor: Manuel Seoane Trasande)
Manuel Seoane Trasande é desa clase de arquitectos que ao tempo de deseñar, restaurar ou erguer vivendas gusta das artes plásticas e de valorar a todas aquelas persoas que foron quen de cicelar realidades artísticas, pintar estampas para fortalecer a nosa identidade, gravar imaxes co obxecto de rescatar as nosas orixes... Por iso Manuel Seoane compatibiliza o oficio coa ilustración, co deseño de imaxes que, sen dúbida, impactan e participan no rescate da memoria. Por iso Seoane non achega escusas nin pretextos para honrar a quen honrou a toda Galiza, dende a cerámica e dende a pintura, dende a cartelaría até a edición de ensaios, textos narrativos... E estamos a falar dun dos maiores xenios galegos dos tempos modernos: Isaac Díaz Pardo.

Pero deixemos que sexa o Manuel quen o indique. Ao tratar sobre súa obra-homenaxe a Isaac sinala que "a ilustración amosa o profundo amor de Isaac Díaz Pardo polas artes e a memoria da nosa terra. Xorden iconicamente imaxes relacionadas coas súas facetas como pintor, facetas literarias que terán o seu xerme nos encontros das 'Irmandades da fala' celebradas, na sua infancia, na casa do seu pai". Tamén engade o seu "importante papel como creador da Cerámica do Castro" e como "deseñador coa súa afamada cadeira antropomorfa". Alén diso, Díaz Pardo deixou "a súa pegada na historia galega coas cerámicas de Sargadelos". Para o arquitecto e artista foi un home "adiantado ao tempo que lle tocou vivir e que sempre loitou polo desenvolvemento da nosa  terra e as súas xentes". Ben haxa, Manuel Seoane... Beizóns!!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños