Isaac recibe unha manda de Francisco Díaz-Fierros
Isaac Díaz Pardo (fotografía de Anxo Iglesias) |
Francisco Díaz-Fierros Viqueira é unha desas pesoas entregadas á ciencia pero tamén ás humanidades. Cómpre lembrar que alén so seu labor docente na USC, é membro numerario da Real Academia de Farmacia (2000) e igualmente da Real Academia Galega, membro do Consello da Cultura Galega e do Seminario de Estudos Galegos. Intentar sintetizar o seu currículo resulta unha tarefa ben complicada, se ben queremos subliñar os seus traballos vinculados coa edafoloxía, as augas e a ecoloxía. Esta mente preclara da cultura galega aceptou o noso convite para conmemorar, dende o Alento Esbravexo, o nacemento secular de Isaac Díaz Pardo. Beizóns. A súa achega é a que segue.
O SARGADELIENSE
Os científicos andan moi preocupados hoxe por atopar o rexistro fósil que no futuro poida definir o Antropoceno. Queren que cando en calquera excavación se atopen, p.e. anacos de plástico, aluminio ou sabe Deus que outro material, se poida dicir: Atopámonos no século XX ou XXI!
Aquí, en Galicia (e por moitos outros sitios tamén) o temos moito máis fácil: xa que á mesma conclusión cronolóxica poden chegar os que fan as prospeccións, cando nunha cata calquera, se atopen con anacos da cerámica de Sargadelos e poidan dicir: Estamos no SARGADELIENSE!, que comezou polos anos 70 do XX e durou varios séculos máis…
A idea non é miña senón dun fato de profesores da USC que por aquela altura andabamos a traballar sobre os solos e xacementos arqueolóxicos de Galicia e que tiñamos en Isaac o amigo e padroeiro seguro para calquera reunión ou publicación que se nos viñera á imaxinación.
Metade en broma e metade en serio, queriamos deixar constancia, xa daquela, do noso agradecemento e admiración cara ás pegadas industriais e culturais que este home xeneroso ata o inimaxinable estaba a sementar por toda Galicia. Foi unha sorte coincidírmonos con el, favorecérmonos da súa amizade e, sobre todo, telo como un exemplo senlleiro do camiño que debiamos seguir na procura dun país adiantado no económico e cultural, esixente e crítico no político, pero sempre comprensivo e tolerante con todos. Mesmo para os máis afastados do seu pensamento e compromiso tiña sempre unha ollada amiga e retranqueira. Así era o admirado e xamais esquecido Isaac.
Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Un bo nome para un tempo no que Galicia tivo un produto cultural que o identificaba en todo o mundo, unha moeda que serviu de pago á xente da cultura, o agasallo preferido de vodas e bautizos... todos os días comemos con Isaac, dixo Merche e enviou unha foto da súa vaixela na mesa familiar. Si, somos do período Sargaliense.
ResponderEliminar