Versos de Mateo Fontán para Isaac Díaz Pardo

Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo

Historiador, poeta, activista cultural e perito xudicial en arqueoloxía évos o pontevedrés Mateo Fontán Couto. Traballou en diversos xacementos emblemáticos galegos, entre os que gustamos de destacar os dos Monte do Castro (Ribadumia), Santa Trega (A Guarda), Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), A Lanzada (Noalla), A Cerca-Muro de Bubal (Oímbra-Monterrei), Cidadela (Sobrado dos Monxes)... Mais se isto fose pouco, é coprodutor e guionista de curtametraxes. Desta volta, e co gallo de homenaxear dende "Alento Esbravexo" a Isaac Díaz Pardo, lanza aos ventos os seus versos de recordo, memoria, terra e tradición... Comprobade que ben se conxuga o ritmo cos contidos medidos e tamén encriptados tal tesouro arqueolóxico. Beizóns!!

VERSOS PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Na túa nacenza conxúgase
de xeito vidrado e multicolor
un valor de talento,
un honor castigado.

Da edición vital que manou de Isaac
quédanos todo mais todo de novo
e, no tocante á súa querenza,
o país moderno e cumpridor...
acaída terra dos xenerosos e bos.

Dende o Castro e as Formas sen probeta
sempre coma un Goliat:
xigante a piques de caer,
emigrante co cerebro por maleta.

A túa manda inspíranos, que non é pouco!
faise materia pintada, modelado Espírito,
valente estertor galego,
oufana obra para sempre,
suor imperecedoiro .

Nunha eterna espiral “sargadeliana”
cantarase canta alma procuraches:
barro, enxeño, tanta modestia
en calma face.


Comentarios

  1. Unha espiral de versos, debuxada nas louzas, que viña dende os petróglifos ata a contemporaneidade.
    Grazas por lembrárnola e por participar!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares deste blog

Por ti, Isaac, volveriámolo facer!

UNHA MANDA DE ANTONIO QUESADA RODRÍGUEZ PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Ana de Vilatuxe, Isaac e a tecelá de soños