Unha manda de Alvarellos Editora para Isaac Díaz Pardo
Alvarellos Editora é unha desas empresas galegas do mundo do libro totalmente necesarias. Ela ten espetada no horizonte o compromiso coa cultura e lingua do país, ou sexa, que fai patria porque ten os pés na terra e o ollar no futuro. Esta editora, da man do seu responsábel, o escritor Henrique Alvarellos, non quere desaproveitar a homenaxe que "Alento Esbravexo" está a impulsar na memoria de Isaac Díaz Pardo... Porque tamén niso está presente Henrique, en regalar palabras a aqueles que xa voaron pero deixaron o niño cheo de esperanza e proxectos fermosos. Velaquí un agasallo de Henrique Alvarellos a xeito de manda e de aloumiño, pois el abofé sabe "moi ben o pobo que ten diante".
OS SETE EXEMPLARES DE ISAAC
Houbo dúas persoas que, dende os meus inicios como editor en 2004, deixaron unha fonda e inesquecible pegada en min, no persoal e no profesional: un foi Francisco Fernández del Riego; o outro, Isaac Díaz Pardo.
De Paco del Riego gústame lembrar cando en 2006 lle levei a Vigo, á Fundación Penzol, os primeiros exemplares do libro Sesenta gallegos ilustres que editáramos daquela, onde se recollían perfís literarios, publicados por el baixo pseudónimo durante os anos 50, na revista Vida Gallega. Del Riego, naquela data xa con 93 anos, ao abrir o libro detectou axiña que a portadiña interior tiña o título un par de centímetros máis abaixo do que debera, creando unha mínima impresión de texto “caído”. Só alguén coma el podía reparar só cunha ollada en algo así. Sinalou co dedo e dixo: “Preciosa edición, mágoa desta cousiña”.
Con Isaac tiven a fortuna de falar devagar o día 16 de decembro de 2006 cando fomos xuntos no coche camiño da Noite da Edición da Asociación Galega de Editoras, a un acto onde o iamos recoñecer como Presidente de Honra da Asociación. Na viaxe de Compostela a Pontevedra (o evento celebrábase no Liceo Casino) fomos falando durante todo o treito desa cousa tan rara que é editar. De todo o que conversamos reteño perfectamente estas palabras: “Tes que saber moi ben o pobo que tes diante. O bo e o malo del. Sen isto nunca has acertar. E aínda así, este é un negocio moi difícil. Porque has ter moitos libros nos que, ao mellor, vendes... pois sete exemplares, sete, non máis. E tes que contarllo así ao autor, que agarda vender centos”. E aquí aparecía, dende o seu asento de copiloto, ese sorriso contido e miúdo de Isaac, cheo de matices, mentres iamos pasando Padrón pola A-9...
Nestes dezaseis anos que levo como editor tiven claro aquel detalle tan mínimo e tan importante de Fernández del Riego, e a filosofía pura de Díaz Pardo. E fun editando libros que venderon centos de exemplares (algúns centos, non moitos) e outros que se achegaron a eses en concreto aos que se refería Isaac. Eses que, malia vender tan poucos, ás veces cómpre, e moito, publicar.
Henrique Alvarellos
Director de Alvarellos Editora
Sempre a aprender dos máis vellos, Henrique. Así che lembro sempre.
ResponderEliminarParecíasme dunha xeración anterior polo respecto con que os escoitabas e o recoñecemento con que os tratabas.
Un sinal da túa identidade que admiro. Moito; nestes tempos nos que semella que hai bastantes dispostos a pensar que son os primeiros ou só teñen en conta o que aparece nos documentos escritos.
Grazas por seguir sendo o rapaz que escoita e aprende.